Galiza Nova chama á folga estudantil o 6 de febreiro contra a LOMCE

Desde Galiza Nova queremos expresar o noso apoio á folga estudantil convocada polo estudantado nacionalista para o 6 de febreiro. Dende a nosa organización chamamos á mocidade a mobilizarse contra o modelo educativo do PP, nomeadamente a nova lei educativa que vén de presentar o goberno de Mariano Rajoy. A Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) é unha nova reforma que supón o regreso ao modelo educativo do franquismo e que xunto aos recortes, busca liquidar o ensino público galego como dereito de tod@s a unha formación de calidade.

Conforme a esta posición contraria á lei Wert, a nosa organización participou na mañá de hoxe na rolda de prensa da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, na que alén de anunciarse a adhesión da Plataforma á folga estudantil do dia 6, convocáronse concentracións para o 31 de xaneiro ás 19.30 horas, nas sete cidades galegas, contra o anteproxecto da LOMCE.

Non ao modelo educativo do PP!

O PP, con Rajoy e Feijóo ao frente, son responsábeis da privatización, elitización e desgaleguización do ensino público galego. Non podemos permitir que destrúan o noso futuro. Desde Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, levamos moito tempo mobilizándonos na defensa dos nosos dereitos e por iso chamamos á folga estudantil o 6 de febreiro. Porque queremos amosar que as mozas e mozos galegos non nos resignamos. Contamos contigo!

O ensino é un dereito, non un privilexio!