Galiza Nova denuncia a destrución de 83.300 empregos xuvenís dende 2009

IMG_20151023_112154Diante dos datos publicados da EPA correspondentes ao terceiro trimestre do 2015, Galiza Nova exixe ao Partido Popular que abandone o seu “triunfalismo electoralista” e afronte a “brutal realidade laboral” que padece a mocidade galega.

Neste sentido, para a organización xuvenil do BNG o descenso de 6.300 persoas desempregadas de entre 16 e 29 anos, en relación ao trimestre anterior, non se pode valorar sen considerar a enorme precariedade do emprego xuvenil. “Vemos como só despois de precarizar ao máximo as condicións laborais da mocidade comeza a reducirse timidamente o paro xuvenil, iso si, con salarios que non permiten ás mozas poder vivir do seu traballo”, denuncia o Secretario Xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, na rolda de prensa valorativa dos resultados da EPA que tivo lugar esta mañá en Compostela. A este respecto lembran que a temporalidade nas novas contratacións atinxe o 97% e que perto de un de cada tres mozas e mozos que teñen emprego traballan a tempo parcial (31,75%)

Lonxe da recuperación real

O lixeiro aumento da ocupación xuvenil, asociado a un emprego ultraprecario, confirma que a recuperación está lonxe de ser unha realidade obxectiva. A este respecto, Galiza Nova contrapón ao “discurso propagandístico” do Partido Popular o feito de que a taxa de ocupación do último trimestre continúa a estar 11 puntos por baixo da de 2009. “O que demostra a EPA é que hai 83.300 mozos e mozas menos con traballo que hai seis anos” critican.

A serie histórica da EPA confirma a destrución dun 40% dos empregos xuvenís no último sexenio. Para reverter esta situación e recuperar o nivel de ocupación anterior á crise, sería preciso que o ritmo de creación de emprego do último trimestre se mantivese nesa mesma proporción o próximo ano e medio (6 trimestres). “Algo que sabemos non vai acontecer, toda vez este mesmo ano se rexistraron descensos no número de ocupadas” explican.

A emigración expulsa o 22% da mocidade

Aliás, poñen o foco na grave perda de poboación xuvenil rexistrada nos últimos anos en Galiza. Así, segundo datos da EPA, a poboación galega de entre 16 e 29 anos reduciuse desde o terceiro trimestre de 2009 até agora nun 21,70%. En setembro de 2015 había 93.100 mozas e mozos menos no noso país que seis anos antes.

Unha situación que visa o alcance real da enxurrada migratoria que padece a mocidade galega, e que –segundo ten denunciado reiteradamente a organización xuvenil do Bloque- supuxo a saída forzosa, por falla de oportunidades laborais e económicas, de 70 mozos e mozas cada día nos últimos catro anos.

Cambio de políticas

Para Galiza Nova a última EPA volve confirmar a “incapacidade das políticas do Partido Popular na creación de emprego e especialmente de emprego xuvenil”. Situación da que responsabilizan ás políticas de recortes implementadas polo PP tanto na Xunta como desde Madrid, que “negan o futuro para a mocidade á que deixan sen ningunha oportunidade”.

Por iso apostan por unha “mudanza radical” nas políticas, que exixiría en primeiro termo que Galiza dispuxese de plena capacidade de decisión , de soberanía, para desenvolver políticas de promoción do emprego xuvenil, combater a precariedade cun marco galego de relacións laborais e pular polo desenvolvemento produtivo do noso país cunha política económica autocentrada e con forte intervención pública.

Rachar coa dependencia

Neste contexto, as mocidades do BNG presentaron unha nova campaña que baixo o lema ‘Racha coa dependencia, traballo e liberdade para a mocidade galega’ inclúen unha dinámica mobilizadora e de concienciación nacionalista para enfrontar desde a mocidade a situación de dependencia de Galiza. “Necesitamos soberanía para conseguir traballo e futuro na nosa terra” afirmou Alberte Mera.