Galiza Nova e BNG denuncian a censura do Concello de Ribeira ao denegar un debate sobre o dereito a decidir

O Concello de Ribeira vén de denegarlle a Galiza Nova o uso dun local municipal para a realización dunha palestra sobre o dereito a decidir das nacións sen Estado. Faino referenciando as resolucións do Tribunal Constitucional 4332, 4333, 4334 e 4335-2017 (publicadas no BOE do 8 de setembro de 2017) e á Sentencia do Constitucional 259/2015. E tamén o fai indicando que “puidese interpretarse a cesión da sala por parte do Concello como favorecer un acto de apoio a un referéndum convocado por unha lei que foi suspendida polo Tribunal Constitucional”.

Dende o BNG e Galiza Nova denunciamos a prohibición que fai o Concello de Ribeira, gobernado polo Partido Popular, ao libre dereito de reunión e debate. Segundo declarou a responsable de Galiza Nova na Barbanza, Elvira Blanco, “estamos ante un feito que non ten outra finalidade que impedir a liberdade de expresión tal cal se facía na época da represión franquista“.

O responsábel do BNG na Barbanza, Luís Pérez, declarou que “a denegación do espazo á nosa organización xuvenil é unha vulneración das liberdades e dereitos e un golpe na mesa ao suposto estado de dereito, ilóxico en calquera democracia“.

Ningún tribunal pode prohibir a liberdade de pensamento

O Partido Popular de Ribeira súmase á onda de censura e prohibicións de calquera acto que se desvíe do pensamento único que pretende impor o goberno central. Elvira Blanco e Luís Pérez concluíron que “ningún tribunal pode prohibir a liberdade de pensamento, e tanto Galiza Nova como BNG non aceptamos este atropelo democrático e seguiremos o lóxico dereito a decidir dos pobos”.

Leave a Reply

Your email address will not be published.