Galiza Nova Ferrolterra quere consolidarse como organización de referencia da mocidade

brais-iglesias-espantoso-responsable-comarcalA pasada fin de semana celebrouse en Fene a Asemblea de Galiza Nova Ferrolterra, Eume e Ortegal. Estas tres comarcas traballan de forma conxunta baixo unha mesma responsabilidade comarcal que é eleita polas militantes de Galiza Nova destas tres comarcas. Á xuntanza acudiu unha delegación da nova Comisión Permanente, conformada por Iria Carreira Pazos e Rebeca Cambeiro Graña, e nela Brais Iglesias Espantoso foi reelixido como responsábel comarcal no marco do proceso posterior á XIV Asemblea Nacional de Galiza Nova, celebrada o pasado 26 de novembro en Compostela. Nela, Brais foi ademais escollido membro da Dirección Nacional da organización xuvenil.

A Asemblea Comarcal elixiu por unanimidade a Zeltia Fernández Lois para ser a nova Responsábel Comarcal de Organización, feito que a asemblea considerou unha posta en valor da renovación xeracional na militancia da comarca.

Coa intención de seguir dando a coñecer o proxecto de Galiza Nova entre a mocidade de Ferrolterra, Eume e Ortegal, a Asemblea Comarcal procedeu a escoller a Carlos Regueiro Anca como responsábeis de comunicación na comarca. Aliás, procedeuse á creación dunha nova responsabilidade comarcal, de finanzas, para a que foi eleita Leo Rei Castro.

“Consolidar a Galiza Nova como organización de referencia da mocidade de Ferrolterra, Eume e Ortegal e contribuír a afortalar o nacionalismo”

Zeltia e Brais afirmaron que “dedicaremos o mes de decembro a elaborar unha ruta de traballo intenso de cara ao ano 2017. Esta ruta será sometida á opinión e votación da vindeira Asemblea Comarcal e, no caso de ser aprobada pola militancia, en febreiro comezaremos a levar á practica o plano de traballo co obxectivo de sumar ao proxecto nacionalista do BNG a moita máis mocidade na comarca”. Consideraron que este sería un paso fundamental para “consolidar a Galiza Nova como organización de referencia da mocidade de Ferrolterra, Eume e Ortegal e contribuír a afortalar o nacionalismo”.