Pola República da Galiza!

muralla

Galiza Nova reivindicou a República da Galiza despregando desde a Muralla de Lugo unha bandeira da Paria de 80 metros cadrados nun acto xuvenil en rexeitamento da Constitución española, coincidindo coas vésperas da celebración do aniversario da súa aprobación. As mozas e mozos nacionalistas realizaron un mosaico coas palabras “República Galega”. Galiza Nova quixo denunciar con esta acción que a Constitución española continúa a negar ás galegas e galegos o dereito democrático da autodeterminación, até o extremo de atribuír ao exército a misión de velar pola unidade de España.

As mozas e mozos de Galiza non temos nada que celebrar e si moito polo que loitar pois a Constitución española non serve para defender os dereitos sociais, senón todo o contrario, é un obstáculo para solucionar as problemáticas que padece a mocidade galega; pois sen soberanía non poderemos decidir nunca rematar cos vetos de España e a Unión Europea que nos impiden desde pór a producir o noso rural até construír barcos.

“Por moi delito que sexa ofender a España, seguiremos a denunciala por autoritaria e intolerante e a combater a súa Constitución que non é outra cousa que o cárcere dos pobos”

“Non haberá nin sagrada Constitución nin leis represivas como a da Mordaza que nos calen!” referenciou o Secretario Xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, á Lei de Seguranza Cidadá que pretende aplicar o Partido Popular “e por moi delito que sexa ofender a España, seguiremos a denunciala por autoritaria e intolerante e a combater a súa Constitución que non é outra cousa que o cárcere dos pobos”.