Galiza Nova reivindica futuro para a mocidade desde a Torre de Hércules

foto 1 No día en que arrinca o mes de Xullo, Galiza Nova realizou un acto simbólico co que arrinca a campaña nacional de divulgación de cara ao Día da Patria Galega e que culminará o 25 de xullo.

Unha bandeira da Galiza de máis de 80 metros cadrados foi estendida aos pés da Torre de Hércules por mozas e mozos da organización xuvenil do BNG, que denunciaron publicamente o sistema español profundamente corrompido, e que, ademais, é amparo legal das accións máis socialmente inxustas que estamos a padecer, como é o caso dunha media de 7 desafiuzamentos diarios na Galiza, e por negar a soberanía do pobo galego e a lexítima capacidade de decisión do mesmo.

O responsábel comarcal de Galiza Nova na Coruña, Marcos Vilamor, afirmou que “reclamamos a soberanía de Galiza para sermos quen de poder destinar os nosos recursos económicos á creación de emprego, sexa ou non do agrado de Madrid ou Bruxelas” para, como resaltou Marcos, “podermos recuperar as máis de 100 000 persoas mozas que, dende a chegada de Feijoo á Xunta, tiveron que emigrar do noso País”.

Desde Galiza Nova denuncian que a dependencia de Galiza é un obstáculo para defender os dereitos sociais, pois en palabras do Responsábel Comarcal das mocidades do BNG “a falla de soberanía déixanos sen mecanismos para solucionar as problemáticas que padece o pobo galego, pois sen soberanía non poderemos decidir nunca rematar cos vetos de España e da Unión Europea que impiden á mocidade traballar na investigación, no rural ou mesmo na construción naval”.

Por iso, dende Galiza Nova chaman á mocidade galega a rebelarse, a unir a súa voz e apoiar ao nacionalismo para aumentar a súa incidencia e crear un novo marco xurídico e social na Galiza, xusto, solidario, que emane das galegas e dos galegos e que estea ao servizo da mocidade e do pobo. “Non podemos deixar que neste contexto de cambios decidan o futuro das galegas e galegos desde Madrid” culminou Vilamor.