Galiza Nova presentou a súa campaña nacional a prol da recuperación do dereito a unha vivenda digna para o conxunto da mocidade. Esta crise ocasionada pola COVID-19 non fai máis que agravar a situación pola que a mocidade estaba atravesando e sinalaron tamén o fenómeno do turismo como causante da suba dos prezos no aluguer que imposibilitan a emancipación da mocidade que asume traballos precarios con salarios baixos.

Galiza Nova reivindicou, no simbólico Antigo Hospital Xeral de Galiza, o dereito fundamental a unha vivenda digno e presentou a súa campaña baixo o lema “Vivenda para a mocidade. Un problema crónico agravado polo virus”. Para a organización xuvenil, este inicio de curso académico estivo enmarcado nun contexto de incerteza, ao non saber se as aulas serían de carácter presencial e mesmo porque había persoas que non sabían se terían que traballar a distancia.

A estes aspectos súmaselle o “continuo crecemento das rendas” e a “forte turistificación de cidades como Santiago”, segundo sinalou o membro da Dirección Nacional da organización, Manuel Magán. Problemas que se verán agravados “coa chegada do Xacobeo que fará que se disparen de novo os prezos das rendas e que moitos pisos se destinen a turismo e que moitos negocios locais sexan substituídos por outros de grandes cadeas e que pouco beneficia a quen realmente vive nesta cidade” indicou Magán.

Desde Galiza Nova entenden que, sumado a un emprego digno e de calidade, o acceso a unha vivenda “é un dos piares fundamentais para a mocidade” co obxectivo de iniciar un proxecto de vida independente. Magán indicou que estes dereitos están a ser “desprezados” por parte do goberno da Xunta de Galiza desde hai tempo “por mor de intereses capitalistas e mercantís”.

Necesidade de mudar as políticas sobre o dereito á vivenda: a debate

Neste sentido, a organización xuvenil Galiza Nova, adiantou o seu primeiro acto público para o xoves 22 de outubro ás sete da tarde, que consistirá nunha mesa redonda coa participación de: Alexandra Fernández, deputada do BNG no Parlamento de Galiza e voceira de vivenda; Iago Lestegás, arquitecto urbanista; e Elías Torres, decano da Facultade de Filoloxía e directo do proxecto Galabra, investigación sobre o impacto do turismo e a percepción da cidade por parte de quen a visita. Esta mesma conversa poderase visualizar a través das Redes Sociais da organización e a canle de Youtube de Galiza Nova por motivo da crise sanitaria.

Imposición da axenda estatal nos problemas de Galiza

Por outra banda, a organización xuvenil criticou a posta en marcha dunha campaña mediática sobre o problema da ocupación, infundindo “medo na poboación e facendo pensar a calquera propietario que a súa vivenda é susceptible de ser ocupada”. Galiza Nova criticou esta imposición da axenda estatal e da extrema dereita, sen representación nas institucións galegas, xa que segundo o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza indicou que este fenómeno só afecta ao 0.003 % das vivendas do país. “Esta campaña de medo só ven a defender a especulación inmobiliaria e a ocultar o número de vivendas baleiras que hai no noso país” sinalaron desde a organización xuvenil exemplificándoo con Santiago de Compostela cando en 2017 “eran máis de 1.100 vivendas baleiras, gran parte delas en mans de bancos”.

Leave a Reply

Your email address will not be published.