Galiza Nova traviste ao papa!

papa2Iria Aboi critica que “mentres os abusos da Igrexa seguen impunes perséguese á xente nova que os denunciamos”. Galiza Nova convocou esta tarde un acto simbólico ao pé da estatua do Papa Benedicto XVI situada nas Cancelas, en Santiago de Compostela, polo día do Orgullo LGBT. Arredor de 30 persoas déronse cita a partir das 17 horas para reivindicar “políticas que recoñezan a igualdade de dereitos para todas e todos, fronte as discriminación que aínda perviven na nosa sociedade e o retroceso nos dereitos conquistados”.

Iria Aboi, Secretaria Xeral de Galiza Nova explica “hoxe o PP tanto na Xunta como no goberno Central aplica a súa ideoloxía conservadora da man da asociacións antiabortistas ou da igrexa católica, impondo o seu modelo de familia e poñendo en cuestión dereitos elementais como o matrimonio de persoas do mesmo sexo”. “É por este motivo que escollemos este lugar para denunciar o papel da Igrexa no mantemento dunha moral que discrimina ás persoas polo seu xénero ou opción sexual”. Todas as persoas que acudiron ao acto portaron diferentes carteis de denuncia nos que se podía ler entre outras frases: “Si la mujer aborta, el varón puede abusar de ella” de Javier Martínez, bispo de Granada, “hay adolescentes de 13 años que son menores y están perfectamente de acuerdo y, además, deseándolo. incluso si te descuidas te provocan” de Bernardo Álvarez, Bispo de Tenerife,referida ao abuso de menores ou “O furacán Katrina foi una retribución divina pola tolerancia de Nova Orleáns coa homosexualidade” de Gerhard Wagner, bispo de Liz (Austria).

Posteriormente, segundo relatan “vestimos cunha indumentaria reivindicativa a estatua que acompañamos de dúas bandeiras unha da patria galega e outra do orgullo”. Iria Aboi sinala que “cando xa nos dispoñíamos a abandonar o lugar apareceron varias patrullas de policia nacional e local e decidiron identificarnos a todas e todos”.

papa1Preto de 20 identificad@s!

Aboi criticou esta actuación policial “por responder a intereses políticos xa que en ningún momento se causou ningún dano nin tampouco se obstruíu a vía pública”. A responsábel da formación cre que “este tipo de actos moléstanlle ao PP porque non toleran que defendamos os nosos dereitos” e engadiu “que isto é responsabilidade do Partido Popular por amparar todo tipo de discursos ofensivos que a diario se cospen dende os medios de comunicación así como de promover políticas que perpetúan as discriminacións”.

Estas identificacións súmanselle á ducia na concentración contra as touradas convocada pola organización en Sarria ou as diferentes multas pola Folga do pasado 10 de maio en contra dos recortes no ensino. Aboi salienta que “mentres os abusos da Igrexa seguen impunes perséguese á xente nova que os denunciamos” e anuncia que “por moito que queiran minar moral e economicamente a Galiza Nova seguiremos realizando este tipo de actividades”.