“Guerras imperialistas, ameaza para os pobos” artigo de Navia Rivas

Navia Rivas, Responsábel de Relacións Internacionais de Galiza Nova.

Os EUA lanzan a maior bomba non nuclear en Afganistán e de repente todo o mundo bota as mans á cabeza. Por que? Máis exactamente: por que é agora que nos alarmamos?
Chámanlle informalmente “The Mother of All Bombs” (MOAB), e é a máis grande (dez toneladas) lanzada desde un avión MC-130. Ten un radio de acción de 150 metros e unha onda de choque que afecta ata os 1500 metros. Este artefacto foi lanzado na tarde do pasado xoves en Afganistán sobre un complexo de túneles do Daesh. O Exército dos EUA afirma que é a primeira vez que se usa este tipo de artefacto nunha guerra e que se produciron 36 baixas do autodenominado Estado Islámico (fonte: Sermos Galiza).
Esta escalada bélica acontece poucos dias despois do lanzamento de mais de media centena de misís sobre unha base militar siria. A xustificación para este primeiro ataque é que supostamente houbo ataques con armas químicas por parte do goberno sirio, pero non hai probas concluíntes disto, e lembremos que esta ofensiva se produciu sen o respaldo da ONU e sen que houbese unha investigación seria sobre o caso. Unha das interpretacións posibles é que se trata dunha demostración de forza por parte dos EUA e beneficia a recuperación dos grupos terroristas obxecto de pesadas derrotas. Non esquezamos que encaixa perfectamente coa aposta que Trump fai pola “ameaza” explícita e a mostra de que está disposto a recorrer a formas máis directas e brutais de violencia.
O certo é que, aínda desde a indignación e o enfado, non podemos nin moito menos afirmar que esteamos ante unha novidade. Este tipo de actuacións veuse intensificando nos últimos tempos e a violencia no contexto internacional veu aumentando de xeito exponencial.
As agresións que os EUA e as súas forzas aliadas levan a cabo contra a soberanía dos pobos para eliminar ou substituír gobernos son continuas e non teñen outro fin que o de servir os intereses do gran capital e a perpetuación dun sistema que pola súa propia esencia inviste miles de millóns en armamento e require de que pobos enteiros sexan sometidos para que uns poucos poidan manter o seu status social e económico. Estas guerras non son novas, son o agravamento da situación de conflitos internacionais que se foi creando ó longo dos últimos anos. Neste contexto, Trump non é de ningún xeito un tolo desbocado. É, simplemente, a cara política visible da oligarquía estadounidense e dos seus intereses económicos.
Certo é que nun contexto onde se veñen dando continuas guerras imperialistas, o máis difícil é atoparmos información fiable sobre o que está a acontecer e as previsións de “que será o próximo?”. Tódolos ataques veñen precedidos e acompañados de operacións de manipulación mediática, de maneira que parezan aceptables e incluso lexítimos ante os ollos da chamada “opinión pública”. Oímos repetidamente estes días que “claro que Trump tiña que bombardear Afganistán” mais non é pola maldade inherente ó ser humano, senón porque nos falta información e datos que nos permitan ter unha opinión formada do que está sucedendo no mundo. Por suposto, o sistema establecido non nolos vai pór enriba da mesa para que nós decidamos se queremos saber a verdade ou non. Non temos máis que lembrar as campañas mediáticas que acompañaron as guerras en Iraq e Libia, co fin de ocultar os verdadeiros obxectivos de tales agresións, e mesmo as súas consecuencias reais.
A suposta “existencia de armas de destrución masiva” en Iraq nunca se probou. Quizais debamos desconfiar tamén das noticias que nos chegan do conflito en Siria, do que din os telexornais sobre o Daesh e tantas outras cousas. As forzas do imperialismo derruban estados e gobernos polo mundo adiante e ninguén sabe dicir moi ben o que está pasando. Moito máis interesantes parecen a noticia do nacemento dun porquiño de dúas cabezas e os vídeos de gatiños do Facebook.
Esta crise non é económica nin pasaxeira, é sistémica e maniféstase de múltiples formas. A guerra é unha delas. A inmensidade de “avances” sociais, tecnolóxicos e económicos que supón vivirmos no século XXI non nos garante un traballo digno, nin vivenda, nin igualdade para as mulleres, nin o cese da xenofobia e o racismo. Nin moito menos. E tampouco nos garante “o dereito de vivir en paz”, que cantaba Víctor Jara.
Quizais agora que tanto Rusia coma Irán están dispostos a ofrecer resistencia ás ofensivas dos EUA en Siria teñamos que ter os ollos ben abertos, porque a tensión e o perigo dunha guerra de dimensións moito maiores aumentan a cada día que pasa.
Nas nosas mans está fuxir da crecente insensibilidade que experimentamos cando vemos as noticias. Temos a capacidade de reverter a situación só se reafirmamos o noso compromiso contra as guerras imperialistas aquí, en Siria ou Palestina. Dicindo que non, que non nos imos deixar manipular e que non imos agardar a que o sistema capitalista se amañe só por arte de maxia. Ou da “man invisible”. Porque a man non é invisible: está manchada de sangue.