Hazte Oír ataca de novo!

Imaxes da nova campaña LGTBIfóbica de Hazte Oír

Dende Galiza Nova denunciamos a nova campaña LGTBIfóbica que a organización ultracatólica Hazte Oír acaba de facer pública. Esta campaña, que ataca unha vez máis á dignidade das persoa LGTBI, consiste nunha avioneta fletada co lema: “Ley mordaza LGTBI: Van a por tus hijos”. A avioneta voará sobre as praias do Estado Español para informar ás familias do “adoutrinamento da ideoloxía de xénero” nos centros de ensino.

O lema non é secundario, pois, ademais da falsidade que representa, intenta relacionar ao colectivo LGTBI coa pederastia, un tema moi recorrido polo ultracatolicismo. Ante isto recordar todos os casos de abusos sexuais realizados por cargos da igrexa católica, e que o colectivo LGTBI non imos permitir que se nos denigre de tal maneira.

Desde o colectivo LGTBI non podemos permitir este novo ataque que tenta socializar a idea de que o colectivo somos os verdugos en vez das vítimas, e por iso temos que esixir aos nosos representantes públicos que non permitan a posta en marcha desta campaña par parte da organización ultracatólica e fascistas Hazte Oír, mais como sabemos que as institucións españolas e galegas non representan ao colectivo LGTBI non podemos deixar de construír na rúa a nosa dignidade e o noso orgullo. Por iso facemos un chamamento a todas as organizacións LGTBI do noso país a nos unir para, xuntas, artellar a mellor resposta ante esta campaña LGTBIfóbica.

Esta campaña é outro ataque máis ao colectivo LGTBI por parte dunha organización que xa mostrou publicamente o seu odio en demasiadas ocasións. A finais do pasado ano mandaron uns escritos a todos os centros de ensino do estado español denunciando un suposto adoutrinamento das crianzas; e este ano mostráronse sen vergoña nun autobús que atacaba precisamente ás crianzas transxénero, co cal percorreron múltiples cidades do Estado español e tamén visitaron algunha de Latinoamérica. Tamén chegaron a Compostela, onde se atoparon cun rexeitamento firme e forte, e unha gran manifestación polas rúas do casco vello deixoulles claro que non son benvidos no noso País. Cómpre mencionar que Hazte Oír foi recoñecida polo goberno do Partido Popular como “asociación de utilidade pública”, o que lle proporciona determinados beneficios fiscais e económicos.

Vivimos un momento no que a LGTBIfobia empeza a recuperar forzas e podemos presenciar múltiples ataques, desde o mural boicoteado en Vilaboa, a casos moito máis graves de violencia física que teñen lugar en moitos centros de ensino do noso país. Non imos tolerar que organizacións coma esta, amparadas polos gobernos do PP, continúen impunes, polo que demandamos de novo a ilegalización de Hazte Oír por incitar ao odio. Queremos unha Galiza na que vivir a nosa sexualidade e identidade de xénero libremente.
Lume coa LGTBIfobia!