Homenaxe a PEDRO GALÁN CALVETE

Reproducimos o discurso pronunciado polo profesor da Universidade da Coruña Xosé Manuel Carril Vázquez o 16 de agosto de 2003, nunha mesa redonda no Clube do Mar da Coruña sobre Pedro Galán Calvete.

* * *

1.- O 25 de xullo de 1947 a imaxinación quixo levar a CASTELAO da Franza a Galiza, en festa de saudades, entre outras cousas para «visitar devotamente os moitos cimeterios de Galiza, onde durmen os derradeiros mártires da Liberdade, en número incontábel», pois con isto —decia-nos— podería ver «unha fogueira en cada cimeterio, como outros tantos clamores de xustiza», especialmente «no de Pontevedra… veu unha labarada que chegaba até o ceo. Era o lume do esprito de Alexandre Bóveda», a chama dun grande galego.

2.- Víspera do Dia da Galiza Martir do ano 2003 —cabodano da morte de Alexandre Bóveda e dia adicado á memoria e homenaxe de todas as persoas que deron a súa vida ou padeceron o exilio por defenderen as liberdades e direitos democráticos e nacionais do povo galego—, hoxe, tentando seguir a singular peregrinaxe que nos descrebe CASTELAO no Sempre en Galiza, imo-nos achegar até o cemiterio de Santo Amaro da nosa cidade de A Coruña —necrópole dunha grande parte dos persoeiros «bos e xenerosos» da Historia de Galiza—, pois dende hai máis de meio século reclama a atención da nosa imaxinación a chama dunha ánima innominada e impercebíbel pola historia contada con marchas marciais polos exterminadores do levantamento militar español anticonstitucional e antidemocrático do ano 1936 e os seus herdeiros actuais, precisamente por formar parte esta ánima do «substractum insobornábel da patria galega» de que tamén falaba o proprio CASTELAO. Trata-se da ánima dun mozo de tan só 19 anos de idade, que mora á forza tras unha lousa de mármore na que nen sequer puido figurar o seu nome e que corresponde ao nicho número 188 do Departamento 2º do citado cimeterio de Santo Amaro. É o espírito silenciado por descarga de fusís de Pedro Galán Calvete: un viciño de Monte Alto, un coruñés, un patriota galego.

* * *

3.- En efeito, falar de Pedro Galán Calvete é falarmos do xogo de luces salgadas que nasce no Faro de Hércules para amosar, partindo dende o bairro da Torre e atravesando todos as rúas da nosa cidade, que A Coruña é Galiza e que Galiza é A Coruña, porque a súa curta pero intensa e digna andaina vital acredita que A Coruña e Galiza son unha mesma terra, a nosa terra.

Segundo consta na sua partida de nascemento, este rapaz descoñecido nasceu na Rúa da Torre da cidade de A Coruña o 18 do mes de xullo de 1917, no seo dunha humilde familia de traballadores. O pai, Pedro Galán Cortés, ben puido ser o cronista do país invisibel do mar e dos emigrantes, xa que traballaba de camareiro marítimo a bordo do «Reina del Pacífico» e do «Mala Real Inglesa», barcos que cruzaban o Atlántico «transportando» en terceira clase a milleiros de galegas e galegos en busca de mellor fortuna nas Américas. E a nai, Carmen Calvete Suárez, foi a muller forte que soubo compatibilizar en terra o peso das obrigas familiares co seu traballo de venda de legumes no mercado de Santo Agostiño. O matrimonio tivo catro fillos: o noso Pedro, Jaime —que nos honra aquí coa súa presenza—, Carmen e máis Fernando —que tamén nos honra esta tarde coa súa compaña—.

Preocupados pola formación académica dos fillos, os pais aproveitaron a posta en marcha das primeiras escolas de ensino primario en galego que existiron na nosa cidade —e no noso País— para a educación dos seus cativos. Tratábase «de escolas nas que mamaron as leicións iniciais na nosa língua máis dun cento de nenos coruñeses… <, sendo> o mestre desas escolas, con adicación chea… o propio Casal; un home que prodigaba folgos e tempo para todo» até o 19 de agosto de 1936, día no que apareceu asasinado polos falanxistas nunha cuneta de Cacheiras, pois, como é ben sabido, Anxel Casal fixo de todo por Galiza: membro constituinte das Irmandades da Fala, editor e fundador das prestixiosas editoriais «Lar» e «Nos», militante activo do Partido Galeguista, alcalde de Santiago de Compostela, vicepresidente da Deputación Provincial de A Coruña, membro da comisión que entregou o Estatuto de Galiza no Congreso dos Deputados e un longo etc.

4.- É precisamente neste contexto onde foi medrando Pedro Galán Calvete e onde van callando as principais singularidades da sua personalidade que, indispensábeis para tracexar o seu perfil biográfico, poden reconducir-se ás tres seguintes.

Sen dúbida algunha, a primeira delas é a relativa á súa madurez, porque Pedro Galán, a diferencia doutros rapaces da sua mesma idade, sempre foi moi maduro. Así o testemuñan os seus irmáns Jaime e Fernando e así tamén o recoñecía o próprio Jenaro Marinhas del Valle cando, lembrando as súas visitas a Escola de Anxel Casal, descrebía a Pedro —a quen consideraba «un irmán pequeno ao que se lle desculpan todas as travesuras» — coma «un neno duns doce anos que non tiña présa por ir para a rua e permanecia con nós atento á nosa conversa» despois das aulas.

A súa madurez é a que nos permite falar agora do seu compromiso con Galiza, segunda das facetas que é necesario salientar na sua personalidade, na medida en que foi esta madurez a que lle fixo tomar consciencia dos problemas reais do seu País e comprometerse na resolución dos mesmos. En efecto, «seguidor do nacionalismo apreendido do mestre», Pedro Galán foi un marxista convencido de que a xustiza social só sería posible nunha Galiza digna e ceibe incorporada ao concerto de pobos donos de sí mesmos.

O compromiso fai-se público con 16 anos en outono de 1933 nun manifesto publicado no Semanario do Partido Galeguista «A nosa terra», no que Pedro Galán e Jenaro Marinhas del Valle xunto con outra ducia de rapaces dirixen-se «Aos mozos cruñeses» para lles anunciar a sua decisión de «axudar na laboura redentora… ao constituir a “Mocidade Galeguista”, baixo a disciplina do Partido Galeguista, o úneco partido en armonía cos intreses e as necesidades da nosa patria». A primeira directiva desta agrupación xuvenil nacionalista de A Coruña constitui-se con Jenaro Marinhas del Valle como Secretário Xeral, con Pedro Galán como Secretário de Organización, e con Lino Portela Díaz como Secretário de Propaganda. Esta non sería o única responsabilidade orgánica que asumiría Pedro Galán, que daquela xa cursaba estudos na Escola Profisional de Comercio de A Coruña (tamén coñecida por Escola de Altos Estudos Mercantis). En efecto, despois de representar ás mocidades de A Coruña na asemblea fundacional da Federación de Mocedades Galeguistas, celebrada na cidade de Ourense en Xaneiro de 1934, tamén vai formar parte do Consello Nacional da Federación de Mocedades Galeguistas como Conselleiro representativo da Comarca de A Coruña.

Pero o seu compromiso co País ía alén das pesadas tarefas orgánicas. «Entusiasta intelixente», soubo compaxinar a sua actividade profisional no departamento de contabilidade na empresa de xabróns «La Toja» cun intenso traballo político e social, no que destacaban sinaladamente: 1º) a sua participación en distintos actos públicos na Comarca de A Coruña cunha oratoria excepcional, compartindo incluso o uso da palabra con políticos da talla de Suárez Picallo e Antón Vilar Ponte, ou enchendo á idade de 18 anos con Eugenio Carré, José Villaverde —tamén paseados— e máis Javier Pose o Teatro Rosalía de Castro con máis de 2000 persoas en novembro de 1935 para falar nun mitin contra o fascismo e a guerra que se prevía ía estalar en Europa; 2) a sua colaboración no Semanario A Nosa Terra, publicando artigos que pola sua altísima calidade intelectual son de obrigada lectura, tais como os que levan por títulos «Cambó Falou» e «A Hespaña d-eles»; e 3º) apoiando activamente a criación de asociacións e clubes populares deportivos e de lecer, que é o caso do Clube do Mar, entidade que hoxe nos permite celebrar esta homenaxe e de cuxa directiva formou parte en 1935 como vogal do comité de propaganda.

En fin, a madurez e o compromiso con Galiza non lle restaron protagonismo á terceira e última das singularidades da súa persoalidade, que é a da inocencia. Porque Pedro Galán Calvete foi ante todo unha persoa sinxela e limpa de corazón, que coidaba que a divulgación e posta en práctica sinceiras dos seus ideais nacionalistas non facían mal a ninguén. Sí, libre de culpas, a pesar de que a represión que seguiu ao levantamento militar de 1936 xa aniquilara as vidas de Alexandre Boveda, do seu mestre Anxel Casal e doutras muitas máis persoas do seu entorno e do seu País. A súa firme convición de non ter cometido nengún delito fixo que rexeitara a oportunidade que lle ofreceu o seu pai para fuxir embarcado ás Américas e que seguira levando o mesmo ritmo de vida naqueles días escuros, traballando na súa empresa, desfrutando da compaña da súa moza Chiruca e do seu amigo Amaro Orzán ou iniciando, incluso, estudos na licenciatura en Direito. Pero non o entenderon así os seus asasinos, que aproveitándose da súa inocencia prenderon-no na Rúa Bailén o 10 de setembro de 1936, mentres paseaba coa súa compañeira Chiruca, para levá-lo primeiro ao Cárcere de A Coruña e despois ao cuartel da policía no Orzán. Pese as humildes e ferventes súplicas de clemencia da nai e do seu irmán Fernando ao Tenente Coronel Luis Tovar —cuxa frialdade no trato aínda semella arrepiar—, nada se puido facer. Outra volta, as cunetas froito do duro traballo dos legoeiros foran prostituidas polos fascistas. O 16 de setembro unhas leiteiras atoparon nunha cuneta da Corveira a un rapaz de 19 anos. Era o corpo sen vida de Pedro Galán Calvete, finado —segundo se fai constar na súa partida de defunción— a consecuencia dunha «hemorraxia interna», en realidade, un eufemísmo legal para agachar que a verdadeira causa da sua morte fora un feixe de proxectis metálicos cargados de xenreira.

Así foi como segaron a vida dun mozo inocente. Con odio, sen razóns e sen a piedade cristián da que tanto falaban os mercenarios da nova cruzada españolista. A farxa dun xuizo para condená-lo quixo vir mesmo despois da súa morte, coa apertura do correspondente expediente de depuración de responsabilidades políticas.

* * *

§ 5.- Estas son tres das principais virtudes deste rapaz que non puido chegar a vello porque non o deixaron. É certo que as bestas feixistas que o mataron puideron quitar-lle naquel momento certa intensidade a luz do Faro de Hércules que o vira nascer, abrindo feridas que nunca van cicatrizar. Pero aínda así fracasaron. Mataron a Pedro Galán Calvete, pero esqueceron que o sangue da súa «hemorraxia interna» tamén ía regar as terras onde galloupara desbocado a cabalo de Atila, facendo que volvera medrar por todos os campos de Galiza a herba da que hoxe podemos desfrutar, que non é outra que a da liberdade que él pagou coa súa inocencia para que todas e todos nos poidamos seguer comprometendo-nos coa Galiza ideal que él e todos os mártires do noso país soñaran.

Precisamente por isto, adicando días como o de mañán á memoria e homenaxe de todas as persoas que deron a súa vida ou padeceron o exilio por defenderen a Galiza, facemos que aqueles escuros días de morte pola represión españolista sexan no presente de vida, de luz e de gloria, porque tais días constituen realmente un paso máis para cumprir, como sinalara CASTELAO, a vontade dos mártires na nosa terra.

Xosé Manuel Carril Vázquez