GALIZA NOVA RENDE HOMENAXE AO LEGADO DE ROSALÍA E CASTELAO

Como cada véspera do Día da Patria, Galiza Nova, organización xuvenil do BNG,  reivindicou este 24 de Xullo no Parque de Bonaval dúas das figuras máis importantes da nosa nación, Rosalía de Castro e Daniel Castelao, dous símbolos e exemplos para todas as mozas e mozos que día a día loitamos polos dereitos colectivos que como nación nos pertencen.

Nesta edición, Galiza Nova xuntou a máis de 200 mozas e mozos que ateigaron máis un ano o Parque de Bonaval. O acto contou coas intervencións políticas de Navia Rivas, integrante da Comisión Permanente e da Dirección de Galiza Nova, Alberte Fernández, Secretario Xeral, e Olalla Rodil, deputada do BNG e integrante da Dirección de Galiza Nova. Ademais o público desfrutou actuación musical do grupo de rock galego Superoito.

Navia Rivas, integrante da Comisión Permanente e Dirección de Galiza Nova, destacou a importancia de recoller o legado de Rosalía e Castelao para levalo á práctica no traballo continuo e no activismo político. “Rematar coa situación de dependencia colonial, de precarización laboral e coa problemática da emigración, e loitar contra as políticas antigalegas e antisociais do Estado Español e da Unión Europea”. Rivas destacou a importancia de  reivindicar soberanía para o pobo galego, animando a mocidade a pasar á ofensiva na defensa dos intereses nacionais, no camiño cara á independencia.

Alberte Fernández, Secretario Xeral de Galiza Nova, sinalou que “a mocidade nacionalista ten o orgullo, e ao mesmo tempo o deber, de recoller o legado de Rosalía e Castelao na súa loita pola liberación nacional da Galiza”, indicou que “os grandes problemas da mocidade galega seguen a ser os mesmos que no tempo no que escribiron Rosalía e Castelao, e só o nacionalismo ten solución para eles”.

Olalla Rodil, Deputada do BNG e integrante da Dirección de Galiza Nova destacou a importancia que tiveron Rosalía e Castelao, desafiando co seu pensamento e a súa praxe política o marco do sistema que oprime o noso pobo.  Sinalou ademais que ambas figuras inspiran a mocidade a pór en dúbida que Galiza non poida ser máis que unha autonomía compracente cos intereses do Estado español. Segundo Rodil, o seu legado “convídanos a rachar co preconcibido e a preguntarnos se non hai máis capacidade de decisión que a limitada marxe que nos deixa a Constitución do 78 e a vontade dos poderes que emanan dela”.

Posteriormente tivo lugar unha entrega floral no Panteón de Galegos Ilustres a estas dúas figuras fundamentais para a Galiza e para a mocidade galega. Após a histórica ofrenda floral, Galiza Nova realizou unha ruada pola independencia nas rúas do casco vello de Compostela desde Bonaval até a Alameda.