Iria Carreira, integrante da Comisión Permanente de Galiza Nova e médica residente

Incursión nas filas do inimigo. Artigo de Iria Carreira

Iria Carreira, integrante da Comisión Permanente de Galiza Nova e médica residente

Iria Carreira, integrante da Comisión Permanente de Galiza Nova e médica residente

Hai uns días saltaba a noticia na prensa dun novo caso de discriminación lingüística no Sergas. Unha pediatra demandaba a uns pacientes galegofalantes un cambio de lingua baixo o precepto de que ela “non era de aquí”. Cómpre lembrar que unha petición destas características nunha situación de vulnerabilidade coma a que supón verse enfermo, sumada á propia xerarquía que implica a relación médico-paciente, deixa ás usuarias nunha situación de profunda indefensión. 

Esta vulneración dos dereitos non nos colle de sorpresa, coñecemos exemplos múltiples desta situación. Aínda que a lexislación recolle que a Administración debe traballar para garantir os dereitos das usuarias, sexa cal sexa a súa lingua, os ataques aos dereitos lingüísticos son unha constante destes tempos. 

Mais, que supón ser traballadora galegofalante neste sistema? Ata onde podemos chegar no noso traballo sen ter que baixar as orellas e ceder terreo ao castelán? É posíbel traballar en galego no Sergas sen ser activistas do idioma? 

Podería pensarse que o idioma utilizado queda a escolla da profesional, sendo esta en última instancia quen se decanta por empregar o galego ou ben o castelán. Nada máis afastado da realidade. Todas as ferramentas informáticas utilizadas no Sergas están configuradas para que non se poidan utilizar plenamente en galego: ou ben non teñen a opción de escolla de idioma, ou ben non permiten a mudanza completa, mantendo amplas partes en castelán ou nun galego totalmente incorrecto. 

Son moitos os casos de pacientes que demandan que a documentación que se lles entrega (coma os consentimento informado previo a unha cirurxía) estea en galego, mais para garantir esa opción precísase da boa vontade das profesionais que utilizan o seu tempo para confeccionar un novo documento ou ben para traducir os innumerabéis que si existen en castelán.

O desleixo do Sergas co idioma é constante, mantendo uns centros sanitarios inzados de castelanismos, igual que realiza nas súas publicacións e comunicacións, sen mostrar o mínimo interese no coidado do idioma. Mais tamén o é ao non proporcionar as ferramentas necesarias para que todas as pacientes e usuarias poidan ser atendidas na súa lingua, deixando este dereito en mans individuais e na súa vontade por garantilo e respectalo.

 Por iso é importante que nós, militantes na defensa da lingua, manteñamos o conflito aberto, cunha loita constante e diaria por poder desenvolver a nosa vida diaria en galego, tanto desde a perspectiva profesional coma sendo pacientes no sistema público de saúde.