INSUBMISAS E REBELDES. Loitemos por unha Galiza feminista!

10372983_374180792748056_4310558689966790225_oEstamos fartas de sermos agredidas, marxinadas e asasinadas! Fartas de que a Igrexa e os poderes españois perpetúen o patriarcado para someternos a todas e dean volta aos avances conquistados polo feminismo. Non podemos ficar caladas mentres nos infravaloran, fraxilizan, manipulan ou exercen control sobre nós. Somos quen de defendernos e, de feito, levamos toda a vida loitando contra este estado machista, retrógrado e capitalista, que nos oprime pola nosa condición de mozas, de galegas e de mulleres.

O patriarcado empobrécenos, rouba os dereitos e asasina

Sabías que as mulleres somos, en termos comparativos, a maior forza produtiva e a que máis traballa? E que, pola contra, no mundo somos propietarias de tan só o 1% da terra? Este exemplo describe a feminización da pobreza, unha forma de violencia contra as mulleres que nos somete á dependencia económica. Debido ás consecuencias da crise e ás políticas do PP contrarias á emancipación das mulleres, na Galiza aumentaron a precariedade e o paro feminino, e moitas de nós fomos relegadas ao ámbito doméstico, pasando a depender economicamente dos homes. Isto provoca que nunha sociedade machista eles tomen o control do diñeiro.

En todo o mundo, o terrorismo machista está presente tanto física como estruturalmente. Esta violencia que se pon de manifesto no número de mulleres asasinadas cada ano a mans dos seus “compañeiros”, levou por diante a máis de medio cento no Estado español e sete na Galiza durante o 2014. Foron asasinadas polo feito de ser mulleres nunha sociedade machista e patriarcal, que entende as relacións entre homes e mulleres a través da dominación, o control e a dependencia. Mentres, os gobernos do PP non activan os protocolos adecuados, non realizan campañas contundentes contra o silencio e a complicidade, e non promoven a coeducación nas escolas para camiñar cara unha sociedade avanzada e igualitaria. Ademais, o PP non desiste en atacar os dereitos das mulleres, polo que aínda que celebramos a vitoria feminista contra a repenalización do aborto, seguimos en loita para impedir que as mozas menores de 16 e 17 anos sexamos sometidas ao consentimento materno/paterno para abortar.

Micromachismos: exemplos para identificalos e combatelos

Hai estabelecido todo un sistema de prácticas machistas cotiás e que moitas veces non somos quen de detectar. Estas prácticas son os “micromachismos”, formas de violencia invisibilizadas e socialmente aceptadas. Sen embargo, con tan só pousar os ollos en situacións cotiás, poderemos identificalas con facilidade. Son situacións tan habituais como ir pola rúa e que che boten un piropo, facéndonos sentir avergoñadas e mesmo incómodas coa nosa propia vestimenta ou imaxe.

Que os homes nos abran a porta, cedernos o paso, pagarnos a conta… en repetidas ocasións pódese entender como un xesto de cabaleirosidade, pero non significa máis que a perpetuación da idea de fraxilidade das mulleres e a necesidade dunha protección como se foramos figuriñas de porcelana. Outro comportamento que habitualmente se produce nunha conversa entre unha ou varias mulleres con un ou varios homes é a interrupción constante das mulleres por parte dos homes. É un xeito de invisibilizarnos, desprestixiarnos socialmente e provocarnos inseguridades ao comunicar, simplemente polo feito de pensaren que o seu discurso é máis importante ca o noso. O mesmo ocorre cando eles monopolizan as conversas e opinan sen que se lle pida. Outro exemplo é a ocupación dos espazos no fogar. O uso expansivo do espazo físico dáse por exemplo coa roupa invadindo toda a casa, coa monopolización do mando da TV, cos pés enriba da mesa… Ou nos bares, cando ocupan toda a barra, facendo que as mulleres para achegarnos á camareira teñamos até que pedir permiso.

Paternalismos, insistencias, compaixón, manipulación emocional, intrusión na nosa intimidade… As mozas sufrimos constantemente este tipo de agresións, tamén a través das redes sociais: control a través de imaxes, de conversas, de tempos de últimas conexións… Lamentabelmente, escóitase nas rúas con frecuencia a un mozo dicirlle a unha moza: “Dixéchesme que ías durmir e logo aínda estabas on-line, con quen falabas?”

Desde a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova, mozas do BNG, chamámoste a que te unas á insubmisión e á rebeldía! LOITEMOS POR UNHA GALIZA FEMINISTA!

En nós non manda ninguén! Soberanas!

.