Iria Carreira é a Responsábel de Lingua na Dirección Nacional de Galiza Nova

Entrevista a Iria Carreira, responsábel da Asemblea LGTBI

iriacarreira
Intervención de Iria Carreira na XIV Asemblea Nacional de Galiza Nova

Entrevistamos a Iria Carreira Pazos tras a súa elección como Responsábel da Asemblea LGTBI de Galiza Nova e representante da mesma na Dirección Nacional. Nada en Arzua en 1991, licenciada en Medicina pola USC. Participou activamente no movemento estudantil nacionalista a través dos Comités. Ademais é activista no movemento feminista e na defensa da sanidade pública. Conversamos con ela sobre os retos da Asemblea LGBTI e os retos do nacionalismo na loita contra o cisheteropatriarcado.

A Asemblea LGTBI de Galiza Nova xorde tras a celebración da XIV Asemblea Nacional, cales son os seus principais obxectivos?

Esta Asemblea nace a partir da Comisión de Liberdades Sexuais e Diversidade de Xénero co cometido de ser o maior órgano de decisión en materia LGTBI dentro de Galiza Nova. O noso obxectivo fundamental é que esta loita sexa transversal en tódalas accións que levemos a cabo como organización; e queremos que sexa un espazo de traballo e tamén de debate que promova a formación da nosa militancia nesta cuestión.

“O machismo e a LGTBIfobia son dúas caras da mesma moeda e debemos sumar esforzos pois únenos a mesma loita”

Nesta nova etapa na loita para erradicar o cisheteropatriarcado, como será o funcionamento da Asemblea LGTBI e da súa Mesa Nacional?

Segundo o acordado na Asemblea Nacional, a Mesa Nacional terá o cometido de darlle dinamismo e axilidade á Asemblea LGTBI, reunirase cunha maior frecuencia para elaborar respostas e actuacións áxiles, mais será a Asemblea quen marque o rumbo a seguir.

Este traballo será man a man coa Asemblea de Mulleres, o machismo e a LGTBIfobia son dúas caras da mesma moeda e debemos sumar esforzos pois únenos a mesma loita.

“Temos un traballo moi importante por diante para construír un País libre de cisheteropatriarcado”

Como afrontas persoalmente esta responsabilidade ao fronte da Asemblea LGTBI de Galiza Nova?

Con moita ilusión e ganas de traballar, síntome moi agradecida pola confianza que depositaron en min as compañeiras da Asemblea LGTBI. Temos un traballo moi importante por diante para construír un País libre de cisheteropatriarcado e estamos recollendo ideas e propostas de moitas militantes para levar isto a cabo.

Na vosa opinión que retos afronta o colectivo LGTBI na Galiza?

Por unha banda temos os desafíos inherentes de vivir nunha sociedade cisheteropatriarcal que nos expón a agresións de xeito constante. Ademais temos un goberno tanto na Xunta de Galiza coma en Madrid que mostra un absoluto desprezo cara a nosa loita. Necesitamos unha educación sexual de calidade no ensino medio, unhas profesionais sanitarias formadas, centros Quérote para asesorar á mocidade nesta materia, etc. e estes gobernos camiñan nunha dirección radicalmente oposta.

Ademais contamos con que na Galiza existe unha febleza no tecido asociativo LGTBI , especialmente nas áreas rurais, co cal esta mocidade non conta co apoio necesario. Dende Galiza Nova e a Asemblea LGTBI aspiramos a chegar a eses lugares e ser referenciais para esta mocidade.

“A nosa intención é darnos a coñecer entre estas asociacións e estabelecer pontes de comunicación con elas”

Actualmente na Galiza están xurdindo novas asociacións LGTBI, como tedes previsto traballar con elas? Tedes previsto unha rolda de reunións? A titulo individual xa colaborades con algunha?

Si, a nosa intención é darnos a coñecer entre estas asociacións e estabelecer pontes de comunicación con elas. Algunha das militantes que formamos parte da Asemblea xa formamos parte dalgunha destas organizacións, mais queremos incrementar esta relación e incluso chegar a facer proxectos colectivos.

Tras a Asemblea constituínte desta fin de semana, que proxectos tedes previstos para 2017?

Un dos nosos obxectivos é levar a loita LGTBI a tódalas comarcas e que a nosa presenza sexa constante, aspiramos a ser unha organización referencial neste eido para toda a mocidade galega.

Tamén queremos potenciar o traballo que se comezou dende a Comisión de Liberdades Sexuais e Diversidade de Xénero, coma a instauración do Día da Visibilidade Lésbica Galega que proclamamos neste 2016 en lembranza do casamento de Marcela e Elisa. Afondaremos na formación da base militante e simpatizante e seremos unha voz firme de denuncia e condena de tódalas agresións contra o colectivo LGTBI.