IV SEMANA DA PATRIA E HOMENAXE A ROSALÍA E CASTELAO

A organización xuvenil do BNG desenvolverá máis de 30 actos en todo o país que culminarán o 24 de xullo coa Homenaxe a Rosalía e Castelao.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2021. A organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, fixo un chamamento á mocidade galega para acudir á vindeira homenaxe a Rosalía de Castro e a Castelao que terá lugar o próximo 24 de xullo na capital galega, así como aos diferentes actos da IV Semana da Patria. Paulo Ríos, Secretario Xeral de Galiza Nova e as integrantes do grupo musical Brassica Rapa, Andrea Pérez e Ainara Geada, animaron a participar no acto político onde tamén participará a voceira nacional do BNG e líder da oposición no Parlamento de Galiza, Ana Pontón.

O Secretario Xeral de Galiza Nova, Paulo Ríos, destacou que nesta IV Semana da Patria “haberá máis de 30 actos por todo o país entre o 14 e o 23 de xullo”. Informou ademais de que os actos serán de diversa índole, desde coloquios sobre a cultura galega ate concertos. “Queremos que esta semana sirva para sumar máis mocidade na loita pola nosa plena soberanía nacional, da capacidade de decisión que nos permita construír unha nova Galiza na que a mocidade non sexa expulsada por milleiros á emigración, polo desemprego e a precariedade”, sinalou.

Esta xeira de actos culminará coa realización da xa tradicional Homenaxe a Rosalía e Castelao. “Homenaxeamos a dúas figuras que están sendo institucionalizadas polo goberno da Xunta de Galiza do PP que nunca confiou en coñecelas e dalas a coñecer e divulgar toda a súa obra e o seu pensamento” destacou Ríos. Así mesmo, lembrou que esta homenaxe realízase desde hai moitos anos por parte de Galiza Nova e reivindicouno como “un acto necesario para que a mocidade galega coñeza a súa propia historia”. Ademais destacou que neste último ano “Galiza Nova foi sumando xente nova ao proxecto xuvenil nacionalista sendo este acto un punto de encontro previo cara a nosa XVI Asemblea Nacional”.

Durante o encontro, intervirán Sabela Méndez, militante de nova incorporación e natural do Rosal e o Secretario Xeral da organización xuvenil e tamén deputado no Parlamento de Galiza, Paulo Ríos. Asemade, a voceira nacional do BNG e líder da oposición Ana

Pontón, tomará a palabra en último lugar, seguido da intervención musical de Brassica Rapa e a tradicional ofrenda floral onde repousan Rosalía e Castelao no Panteón de Galegos Ilustres. O acto, que se levará a cabo o vindeiro venres 24 de xullo ás 17:00h no Parque de Bonaval, ten como fin homenaxear a dúas figuras importantes da historia galega: por unha banda, a Rosalía de Castro e por outra a Daniel R. Castelao. O chamamento da organización xuvenil estivo remarcado no contexto da COVID-19 e adiantaron que en todo momento, Galiza Nova ten como obxectivo levar a cabo un acto que cumpra cos protocolos socio-sanitarios.