Lanzamos as maletas contra os causantes dos recortes e da emigración xuvenil 

maletas

Galiza Nova organizou esta mañá un acto de “lanzamento de maletas” no campus de Compostela, para chamar a atención sobre a crúa situación da mocidade galega a causa dos recortes no ensino público e da falta de oportunidades laborais en Galiza. En declaracións aos medios, o Secretario Xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, indicou que “só dende o nacionalismo se poderá conseguir un futuro de liberdade e de prosperidade para a mocidade galega”.

O lanzamento de maletas produciuse contra unha estrutura coas caras de Feijóo, do monarca, de Merkel e de membros da Troika que “condenan a xuventude á emigración, porque non fan outra cousa que darnos maletas para que emigremos e nos obrigan a marchar do noso país na procura de oportunidades laborais”, denunciou Alberte Mera.

“Con este acto, dicímoslle á mocidade galega que lle devolvan as maletas, que lle lancen as maletas ao Goberno español e a esa Troika que nos obriga a emigrar, porque nós queremos estudar e traballar na nosa terra”, explicou Alberte Mera.

Así, Galiza Nova aproveitou tamén nesta actividade reivindicativa para lle explicar ao estudantado como funciona esa Unión Europea que obriga ao Estado español a recortar en servizos básicos para pagar a débeda, como un dos factores que motivaron a crise. “A crise causárona eles, non a causamos nós, e o Estado español aplica esas directrices sen rechistar no ensino, na sanidade e nos servizos públicos tan importantes para a sociedade”, indicou.

Explicou ademais que cos recortes en bolsas a xente non pode continuar a estudar e “vese na obriga de buscar traballo para poder pagar as altas matrículas e, de non atopalo, ten que emigrar como man de obra barata a Berlín, a Madrid ou a Londres”.

Ademais, María González, estudante de 1º ano na USC e que forma parte plataforma cidadá Avante Galiza que apoia a candidatura do BNG, advertiu que a crise provoca o recorte de bolsas e numerosas dificultades para a realización de prácticas “con aulas sen ordenadores nin laboratorios e con deficiencias nas propias instalacións” como pingueiras nas facultades de Matemáticas e de Filoloxía, puxo a modo de exemplo.

“Contra isto, queremos dicir basta, que a mocidade galega se rebela e que non vai tragar máis coas súas imposicións”, afirmou Alberte Mera, e así animou a votar BNG o 25 de maio, “unha formación nacionalista pensada para a mocidade e para conseguir traballo digno na nosa terra, co obxectivo de conformar unha alternativa a este modelo de Unión Europea e contra un Estado español tan corrupto”.