Liberdade de expresión, grave delito na España neofranquista

Hugo Guezeta, integrante de SonDaRúa e estudante na UVigo.

Este pasado mércores, coñecímos a través dos medios a ratificación por parte do Tribunal Supremo da sentenza da Audiencia Nacional contra Josep Miquel Arenas (máis coñecido como Valtonyc), que deberá entrar na cadea cumprindo unha pena de tres anos e seis meses de prisión, polas letras dalgunhas das súas cancións. Aínda que semelle un feito surrealista é moi real, e por desgraza, seguramente non será o único rapeiro que teña que entrar en prisión, posto que aínda fica pendente de ratificación o caso de “La Insurgencia” (colectivo de doce rapeiras condenadas pola AN a dous anos e un día de prisión), e tamén se descoñece a sentenza a Páblo Hásel (que xunto a outra anterior podería sumar un total de ate cinco anos de prisión).

A represión por parte do estado español, cara quen cuestiona ou enfronta o status quo do réxime do 78 estivo sempre presente, mais leva incrementándose dunha forma exponencial nos últimos anos, apoiándose na aprobación da “Lei Mordaza”.

Subxectividades, gustos musicais e percepcións persoais aparte, é inadmisíbel á par que alarmante que calquera persoa teña que entrar en prisión polas súas cancións, composicións ou obras. A represión por parte do estado español, cara quen cuestiona ou enfronta o status quo do réxime do 78 estivo sempre presente, mais leva incrementándose dunha forma exponencial nos últimos anos, apoiándose na aprobación da “Lei Mordaza”.

Por unha banda, a nível persoal ou colectivo, xuízos contra “Titiriteros”, César Strawberry, a revista satírica “El Jueves”, o humorista Facu Díaz, a Operación Araña, ou centos de usuarias de redes sociais encausadas, foron só o comezo dunha bola de neve represiva que non frea, e que suma xa centos de multas, condenas e sentenzas. Esta mesma semana, ademáis da condena a Valtonyc, producíuse tamén a incautación do libro “Fariña” no que se relatan os vínculos do PP co narcotráfico a partir de investigacións xudiciais e xornalísticas, e a orde de retirada dunha exposición fotográfica do ARCO na que se denunciaba a existencia de presas políticas no Estado español.

Por outra banda, a represión a nível territorial, reprimindo ao pobo de Catalunya e encarcelando aos seus representantes políticos, elexidos democráticamente, ou perseguindo movementos sociais que contan cun amplo respaldo da sociedade catalana, e calquera tipo de simboloxía que lembre a presenza de presas políticas no estado.

Cómpre lembrarmos que estas decisións veñen dictadas dende a Audiencia Nacional, esa institución xudicial herdada do TOP (Tribunal de Orde Pública) do franquismo, e acostuman ampararse no delito de “enaltecemento do terrorismo”. Curiosamente, os xuízos por enaltecemento disparáronse precisamente tras o cese da actividade armada de ETA, e súmanse dende o ano 2011 (fin de ETA), máis de un cento de xuízos e persoas encausadas.

Debemos realizar varias reflexións ao redor do anteriormente comentado.

Por unha banda se nos centramos a analizar os territorios onde máis se centra a represión do estado español, concéntrase en gran medida nas nacións periféricas sen estado (principalmente Catalunya e Euskal Herria), pois representan a día de hoxe a única vía de mudanza real contra o réxime do 78. O funcionamento censor e represivo dos dous principais órganos xudiciais (AN e TS) do estado, ou a correlación de forzas predominante (que semella aínda máis dereitista e centralista no futuro) mostra as claras que España é pois, un estado irreformábel e antidemocrático. Un proxecto fallido que quere morrer matando, cunha escalada represiva sen fin contra toda aquela persoa que erga a voz.

No referente á liberdade de expresión, hoxe é Valtonyc mais mañá pode ser calquera de nós quen teña que enfrontarse a esta xustiza neofranquista polo simple feito de expresarse ou manifestarse libremente. Precisamos non ficar caladas, iso é o que eles queren, precisamos solidariedade activa, dar apoio, respaldo e difusión a cada caso, para construirmos entre todas unha outra sociedade máis xusta, para que a dignidade venza ó medo e a censura.