LOITA CON ORGULLO!

Cando levamos máis de medio século de reivindicación en torno a data do 28 de xuño para conmemorar a loita iniciada en Stonewall en 1969, desde Galiza Nova amosamos novamente o noso compromiso coa loita do colectivo LGBT para acadar a totalidade dos dereitos

Aínda que diferentes voces pretenderon calar a loita do colectivo LGBT despois da consecución do matrimonio igualitario baixo a premisa de que “xa estaba todo conseguido”, vemos que as nosas reivindicacións seguen tan vixentes como sempre. Atopámonos a día de hoxe coa difusión extrema dun discurso de odio cara as persoas trans e non binarias, nomeadamente mulleres, auspiciado por grupos de extrema dereita, que incluso non dubidan en desvirtuar a loita feminista e as súas reivindicacións para continuar a espallar este ideario retrógrado. 

Cómpre combater do mesmo xeito ao capitalismo que se aproveita da reivindicación do colectivo LGBT para consolidar un novo nicho de mercado, facendo apropiación das nosas bandeiras para convertelas nun producto máis. De nada vale que empresas e multinacionais utilizan as cores de orgullo nos seus logotipos durante este mes cando manteñen estructuras de discriminación, sustentadas todas elas na opresión nacional e de clase.

Continuamos a esixir un compromiso real e efectivo coa loita do colectivo LGTB desde tódolos gobernos. Demandamos unha educación sexual de calidade libre de moralismos nas escolas, para ter un a mocidade educada sen prexuízos e que poida desenvolver a súa sexualidade con verdadeiro coñecemento. Do mesmo xeito, demandamos un sistema sanitario libre de LGBTfobia que poder atender a todas as nosas necesidades, e sobre todo, que elimine a patoloxización das personas trans e non binarias. Máis que nunca, o sistema sanitario ten que ser un espazo seguro, libre de transfobia.

Desde Galiza Nova manifestamos máis unha vez o compromiso coa loita LGBT para poder construir una República Galega verdadeiramente xusta e igualitaria, libre de discriminación e de discursos de odio. Precisamos máis que nunca traballar de man deste colectivo, máis tamén co movemento feminista, antirracista, coas persoas migrantes e con diversidade funcional para poder tumbar este sistema. Só unha Galiza ceive cando todas sexamos libres, e mentres tanto loitaremos con orgullo.