Machismo rosa, acto LGTB en Compostela

Xa se leva falando certo tempo (e moito queda por falar) do capitalismo rosa, o xeito no que o sistema capitalista instrumentaliza o movemento LGBT e despolitiza a súa loita de liberación. Mais o capitalismo non é o único sistema opresivo que infecta todo o que toca, o sistema patriarcal actúa do mesmo xeito. Chamámoslle machismo rosa a como a socialización patriarcal das persoas LGBT se materializa na forma de comportamentos misóxinos por parte dos homes gays, bi e trans, na forma da invisibilización de mulleres lésbicas, bisexuais e trans e a infravaloración das súas demandas dentro do movemento. Materialízase na plumofobia que impera na comunidade gay, promovendo a discriminación dos homes con comportamentos femininos. Materializase nas campañas de gays a favor da explotación dos corpos das mulleres para poder mercar crianzas.
Queremos dicir entón que os homes GBT son máis misóxinos que os cisheterosexuais? Non, máis tampouco por non ser cishetero o son sempre menos, e dentro do movemento pola liberación LGBT é imprescindible extirpar todas as actitudes reaccionarias e opresivas. Por isto, este xoves 22 ás 20:00h no bar A Gramola, debateremos xunto coas organizacións de ámbito LGBT Amizando e Avante LGBT sobre esta realidade e falaremos sobre propostas para o futuro da loita LGTB.