Manifestación Xuvenil pola independencia, 24 de xullo

Foto de Gz.Foto Manifestación xuvenil 24 de xullo de 2016

Un ano máis achegámonos ao 24 de xullo, véspera do Día da Patria Galega, data na que as organizacións xuvenís e estudantís nacionalistas e independentistas do país saen dende hai catro anos á rúa para reclamar dereitos para un pobo asoballado.

A mobilización é, foi e será a mellor das nosas armas para loitar contra un sistema inxusto, que oprime á nosa nación e que non nos deixa desenvolver as nosas potencialidades. Desde Galiza Nova pulamos pola unidade do movemento xuvenil na loita pola liberación da nosa patria, e continuaremos a facelo agora e no futuro. Por iso, nos últimos catros anos, vimos participando xunto ás organizacións xuvenís e estudantís deste país nas mobilizacións pola independencia da Galiza na data do 24 de xullo.

Vivimos nunha Galiza sometida aos ditados do Estado Español e da Unión Europea, que nos condena á precariedade ou á emigración. Un país onde a nosa mocidade non coñece a súa historia e onde as mozas e mozos galegos empregan cada vez menos a lingua propia. Temos un país explotado, que sofre cada día un goberno galego que só mira polos intereses do Estado Español, coa explotación constante dos nosos recursos primarios abandonándoo a catástrofes ecolóxicas.

Un ano máis, o agravio ao que se ve sometida Galiza, lévanos á necesidade de saír de novo á rúa, no traballo diario por unha Galiza onde poidamos ser verdadeiramente libres. Un ano máis, a unidade de acción da mocidade independentista galega hoxe é non só necesaria, senón fundamental, dado o contexto político actual do Estado, no que está plenamente aberto o debate sobre o dereito e a necesidade da independencia das Nacións oprimidas.

Dende Galiza Nova consideramos fundamental a convocatoria desta mobilización, mais sempre baixo os termos establecidos por acordo mutuo entre as organizacións convocantes, uns termos que foron os piares fundamentais da unidade de acción da mocidade independentista, hoxe en día aínda máis necesaria. Tendemos a man unha vez máis a Briga, Erguer. Estudantes da Galiza e Isca!, as organizacións xuvenís e estudantil independentistas do país para realizar un ano máis a mobilización que viñamos convocando os catro anos anteriores o 24 de xullo, e seguiremos a tela tendida. Do mesmo xeito, realizamos un chamamento ao conxunto do movemento xuvenil e asociativo que acredite na loita pola liberación nacional e social do noso pobo, para que se sumen a esta mobilización.

 

Leave a Reply

Your email address will not be published.