Manifesto

Se nos perguntaran os motivos polos cales nos mobilizamos cada 24 de xullo, non demorariamos en dar unha resposta extensa. Mais poucos anos temos tal cúmulo de razóns como neste 2021. A principal responsábel: a brutal crise que, desde o inicio da pandemia, cae con forza sobre as costas das clases populares. Non é casualidade que sexamos a mocidade quen está a levar a parte máis cruel desta desfeita premeditada. Falamos do desemprego, da precariedade, da emigración, da falta de acceso a vivenda… Problemas que xa son unha epidemia para nós, que xa sufriamos con anterioridade á crise, pero que a partir desta instaláronse definitivamente. Diante disto, as diferentes organizacións do nacionalismo e o independentismo galego sumamos forzas para reclamar, con máis fervor ca nunca, a necesidade de construírmos un futuro digno na nosa terra, que pasa irremediablemente pola construción dunha República Galega.

A nosa loita pola construción da República Galega non pode ser concibida sen ter o feminismo como guía. Por iso, denunciamos tamén os embates do patriarcado e a cisheteronorma, que atacan os nosos dereitos reprodutivos, sexuais e de identidade de xénero. Estamos fartas de agresións machistas e lgtbifóbicas, estamos fartas de feminicidios. As mozas galegas e LGBTI saímos tamén á rúa para loitar por unha República Galega feminista sen discriminación pola nosa identidade de xénero ou orientación sexual.

Tamén é necesaria hoxe a mobilización das estudantes galegas nun contexto en que o ensino público se atopa nunha situación crítica. Cun ensino secuestrado en mans do capital especulativo, e que cada ano expulsa por centos ás mozas empobrecidas, as nosas posibilidades de futuro esgótanse. A universidade privada de Feijóo e ABANCA non nos está a ofrecer máis opcións; está a quitárnolas. Ademais dos recortes na educación pública e os continuos ataques á nosa lingua neste eido, o último ano as mozas tamén fomos vítimas da criminalización por parte do sistema, culpabilizándonos dos aumentos dos casos de Covid-19. Alén disto, culpabilízannos por estar desempregadas ou non cumprir cos estándares de vida que supoñen “lóxicos”, pero aos que non podemos acceder. Esquecen polo camiño que sectores aos que tanto vitimizan, como hostalaría e restauración, conseguiron sobrevivir grazas ao noso traballo ingrato e mal pagado, mentres seguen a alimentar un sistema que se basea en condicións laborais cada vez máis insostíbeis.

Como internacionalistas denunciamos tamén os ataques imperialistas á soberanía dos pobos. Ante as guerras imperialistas ao servizo do capital e a crise de refuxiadas mostramos o noso firme rexeitamento ás políticas dos EUA e da UE. Desde aquí amosamos a nosa solidariedade con todos os pobos asoballados do mundo especialmente ao pobo palestiniano e ao pobo saharaui.

Un estado español antidemocrático, marcado pola promesa dunha falsa transición, que continúa a manter no poder económico e social a quen hai máis de 80 anos deixaron as nosas familias nas cunetas. Un estado en que unha institución reaccionaria como a monarquía, aínda rodeada de escándalos de corrupción, continúa manténdose na xefatura do estado.

O noso país está sometido a un empobrecemento e desmantelamento social e cultural continuo. Nese contexto, aínda, colocan expectativas no Xacobeo, e pretenden que as partillemos. Que podemos agardar deste evento, máis que unha nova onda de explotación para a xuventude? Tendo abandonado sectores produtivos, co sangrante caso de ALCOA, faise evidente o lugar ao que destinan o noso País: un ermo desértico, onde as mozas fican condenadas á emigración, habitado apenas por eólicos e eucaliptos, e coas cidades e costas convertidas nun barateiro paraíso vacacional. O desmantelamento do noso tecido industrial e o espolio dos nosos recursos por parte das elites capitalistas españolas evidencian o papel colonial que ten Galiza.

Neste punto, PSOE e PP chegaron sempre a acordo, e o capitalismo é incuestionábel. Mais foi precisamente o modelo económico quen nos condenou a rexistrar en menos de ano e medio no mínimo 2500 mortes por COVID-19. Un dano colateral para os defensores da “economía é o primeiro”, que incapaces de xerir a pandemia escolleron poñer por diante da vida os intereses dos grandes poderes. É o caso do Estado español, que actuou con abandono e neglixencia, amosando a súa auténtica natureza ao servizo do grande capital. Tamén mostrou a súa cara autoritaria cando se trata de castigar a mocidade e os movementos populares. As multas e leis de excepción disparáronse, argumentando criterios sanitarios, e a política de persecución ideolóxica non cesou con respecto a anteriores gobernos da dereita. Non falamos apenas de casos como o catalán, na Galiza unha parte do independentismo organizado sufriu a Operación Jaro, que só após cinco anos de desgaste acabou en absolución. Tampouco debemos esquecer ás presas independentistas galegas, para as que reclamamos a súa liberdade, así como a represión contra compañeiros como Chema, sometido a un proceso xudicial por defender o CSOA Escarnio e Maldizer

No nível internacional, “o mellor dos sistemas posíbeis” descomponse no medio dun violento caos. A imposición das axendas 2030 e 2050 é un parche propagandístico que en última instancia só beneficia aos grandes poderes económicos, coa escusa da “economía verde”. Mais non conseguen ocultar que, para as clases populares, non queren (nin poden) ofrecer outra alternativa que o saqueo e a dependencia nacional.

Porén, non queremos transmitir unha mensaxe derrotista. Fronte á miseria, hai alternativa, se nos organizamos e loitamos, confiando nas nosas propias forzas. Fronte a un futuro distópico e miserábel no marco de España e a UE, temos a posibilidade de erguermos un proxecto de país claramente superior e un futuro radicalmente diferente nunha República galega. Unha República galega onde o poder político estea nas mans do pobo traballador. Un novo país que aborde e resolva todas as problemáticas que nos afectan e aposte por unha planificación económica autocentrada que garanta o benestar para a maioría. En resumo, temos futuro e está nas nosas mans acadar a emancipación como nación e clase. A República galega é o futuro!

Leave a Reply

Your email address will not be published.