Mártires de Sobredo. 97 anos de dignidade

Hoxe, 28 de Novembro, cúmprense 97 anos da revolta agrária en Sobredo, Tui.

Nela, o campesiñado solidarizabase cun veciño da contorna que se negara a pagar os foros, e na que a Garda Civil reprimiu disparando contra as manifestantes, causando tres mortes onde agora se erixe o monumento aos mártires.

A mocidade galega non esquece, e sabemos que a loita antiforal, fundamental para a sociedade galega da época, constituía unha demanda básica para as clases populares, fronte aos intereses das clases dominantes.

Existe ademais unha clara relación entre os actores presentes nesta loita en outras causas xustas, como a defensa da legalidade democrática no ano 36 fronte ao golpe fascista, e que cobrou vidas de antifascistas que loitaron pola liberdade. Tal é así que o monumento aos mártires de Sobredo foi dinamitado polos falanxistas tralo golpe de estado do 36, unha mostra máis de que o fascismo sempre se opuxo ás reivindicacións das clases populares.

A loita agrarista, a defensa da xusta distribución da terra, enmarcarse dentro dun conxunto de loitas avanzadas que como mocidade consciente, facemos nosas, non só para o noso desenvolvemento como sociedade, senón para o coñecemento da nosa historia.

Neste eido, as mozas galegas debemos traballar a memoria histórica, tamén neste ámbito, non esquecer como pobo e camiñar cara un futuro colectivo, de solidariedade, igualdade e prosperidade. As mozas de Galiza Nova, hoxe, lembramos algo máis que a Cándida Rodríguez, Joaquín Estévez Besada, e Venancio González Romero de forma puntual, senón que facemos nosa a súa loita, e a de todo un pobo.