Mobilización, loita e liberdade

Alberte Fernández
Alberte Fernández, Secretario Xeral de Galiza Nova // Imaxe de Sermos Galiza

Nestas datas nas que remata o ano 2016 tórnase necesario analizar o que aconteceu neste ano, un dos anos máis duros na historia do nacionalismo galego. Porén, saímos del cun movemento político moito máis reforzado que a comezo de ano cara a liberación nacional e social de Galiza, que fronte os falsos cantos de serea estatais demostrou ser o único que pode chegar a unha ruptura real co sistema.

Por iso debemos ter claros cales serán os nosos retos para o ano 2017, un ano de loita, no que temos que pasar á ofensiva, no que o nacionalismo galego volverá facer avanzar a nosa sociedade no camiño dunhas condicións de vida dignas na nosa terra, no camiño da liberdade do pobo galego.

Logo da nosa XIV Asemblea Nacional, e coa refundación do BNG no marco do Proceso Adiante analizamos a situación de Galiza e a do nacionalismo galego como movemento sociopolítico, temos o diagnóstico para os nosos problemas e clara a folla de ruta a seguir, agora toca pasar á accion. Por iso debemos ter claros cales serán os nosos retos para o ano 2017, un ano de loita, no que temos que pasar á ofensiva, no que o nacionalismo galego volverá facer avanzar a nosa sociedade no camiño dunhas condicións de vida dignas na nosa terra, no camiño da liberdade do pobo galego.

Sabemos que a través das mobilizacións sociais do nacionalismo logramos conter en certa medida a ofensiva contra os nosos dereitos, e porque sabemos que o único xeito de recuperalos é estando nas rúas.

Neste 2017 loitaremos por recuperar os dereitos laborais e sociais perdidos nos últimos anos (sanidade, precariedade laboral, redución dos subsidios por desemprego, capacidade de acceso ao ensino, etc.), porque sabemos que a través das mobilizacións sociais do nacionalismo logramos conter en certa medida a ofensiva contra os nosos dereitos, e porque sabemos que o único xeito de recuperalos é estando nas rúas.

Man a man coa Central Intersindical Galega mobilizarémonos para rematar co desemprego e coa enorme precariedade da mocidade empregada. Temos que reverter a situación actual na que a xente moza no caso de ter un emprego está explotada en condicións de semi-escravitude e cuns salarios na maioría das ocasións que non lles permiten independizarse. É necesario derrogar as contrarreformas laborais aprobadas polo PSOE e o PP sucesivamente nos últimos anose potenciar a creación de postos de emprego de calidade nos sectores estratéxicos galegos mediante o seu desenvolvemento pleno, para o que precisamos capacidade de decisión sobre os mesmos.

Durante o ano 2016 foron asasinadas mulleres unicamente polo feito de selo en Galiza, non podemos mirar cara outro lado. Os asasinatos por terrorismo machista son a concreción práctica última do sistema heteropatriarcal, mais unicamente a punta do iceberg das violencias que padecen as mozas galegas así coma todas aquelas persoas que non están encadradas nos cánones que este estabelece, por iso traballaremos para destruílo durante este 2017.

En materia de ensino traballaremos man a man con Erguer. Estudantes da Galiza no camiño de conseguir un ensino galego público, de calidade e antipatriarcal. Temos que mobilizarnos para rematar durante este ano coas reválidas e a LOMCE no Ensino Medio así coma co decreto do 3+2 na Universidade. Reclamaremos ademais que as decisións en ensino sexan tomadas en Galiza, evitando que a Xunta omita a súa responsabilidade nas competencias de ensino, porque Galiza como nación con características propias precisa unha ensinanza pensada e feita por e para aquí, que atenda ás nosas particularidades e non feita á medida de Madrid.

Queremos que neste 2017 o galego recupere falantes entre a mocidade, a lingua é o noso maior símbolo de identidade como pobo e como nación diferenciada, e por iso será unha prioridade para nós potenciar o emprego do noso idioma entre a xente nova durante este ano. Do mesmo xeito tamén o será atacar as políticas lingüicidas do Partido Popular, unha das razóns fundamentais polas que a nosa lingua perde falantes cada ano entre a xente nova.

En definitiva neste 2017 traballaremos para mellorar as condicións materiais de vida da mocidade galega en todos os sentidos.

Ademais en todas as localidades do país, como aprobamos na nosa Asemblea Nacional estaremos ao carón da mocidade, atendendo as súas demandas e preocupacións, e resolvendo os seus problemas máis cercanos, en materia de transportes, políticas de lecer, etc. En definitiva neste 2017 traballaremos para mellorar as condicións materiais de vida da mocidade galega en todos os sentidos, no camiño da consecución dos nosos obxectivos estratéxicos: unha Galiza Ceive, sen precariedade laboral para a mocidade, sen desemprego xuvenil, sen desigualdades de xénero, cun ensino digno… unha Galiza na que a mocidade poida vivir con liberdade e na Terra.