Mobilizacións 25N contra a violencia machista

Neste 25 de novembro, día internacional contra a violencia de xénero, reivindicamos o fin da violencia sistémica á que as mulleres e mozas estamos sometidas en todos os espazos.

É preciso denunciar e rachar coas violencias visíbeis e invisíbeis que nos asolagan día a día. As agresións na rúa, nos fogares e no traballo, a violencia sexual, a psicolóxica, etc. Mais tamén as violencias que se exercen desde os aparellos do estado a través das institucións, ben sexa de xeito directo, con sentenzas xudiciais que van na nosa contra, ou de xeito indirecto ao negarnos recursos e ferramentas para a prevención e loita contra o patriarcado. Fronte a un goberno que non escoita as peticións do movemento feminista galego, que recorta as axudas para as mulleres en situación de risco, que vota en contra de destinar máis orzamentos para erradicar os feminicidios, ou que incumpre a lei de violencia de xénero, esiximos dar un paso adiante e poñer en marcha os mecanismos precisos para mudar a situación.

Por todo isto, desde a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova animamos a toda a mocidade e sociedade en xeral a asistir ás mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres e o movemento feminista galego nas vilas e cidades do país este sábado 25 de novembro. Para rebelarnos nas rúas, porque non imos deixar que nos fagan retroceder en dereitos conquistados con políticas machistas, e para facer ver que non imos parar ata acadar unha Galiza soberana e feminista.

Feminismo sen tregua para liberar Galiza!

Horas e lugares das mobilizacións:

Vigo

24N, ás 11:30h, acción de rua + teatro no mercado de Teis

25N, ás 12:00h, manifestación, cruce de Vía Norte con Urzair

Lugo

25N, ás 12:00h, manifestación, diante do Concello

Ourense

25N

12:00h, acción de rúa na Praza Maior

19:00h, obradoiro de pasamontañas, Subdelegación do Goberno

20:30h Manifestación, Subdelegación do Goberno

A Coruña

25N, ás 20:00h, manifestación desde o Obelisco

Ferrolterra

25N, ás 19h, manifestación + batukada e performance desde a Praza da Gándara, Narón

Compostela

25N, ás 12h, manifestación, desde a praza 8 de marzo

A Estrada

25N, ás 11:30h, concentración diante do Concello

As Pontes

25N, ás 11:30h concentración na Praza do Hospital