Moción de censura no Estado Español: E Galiza que?

No día de hoxe comezou a debaterse en Madrid unha moción de censura liderada polo PSOE en contra do goberno do Partido Popular e Raxoi en Madrid. Isto vén motivado da descomposición que está a vivir o seu goberno tras a sentenza da trama Gurtel que condenou como organización criminal ao Partido Popular e constatou unha realidade xa coñecida, a putrefacción total do estado español, no que durante anos con impunidade este partido, entre outros, puido actuar desta maneira mesmo amparado en moitas ocasións pola legalidade.

É evidente que o PSOE e boa parte dos seus apoios non son a solución que precisamos a mocidade galega, e que son tamén parte do réxime corrupto español no que vivimos na actualidade. É un feito que durante estes dous anos e medio nos que forzas teoricamente a favor da derrogación de leis tan regresivas coma a LOMCE, a Lei Mordaza ou cando menos unha das Reformas Laborais, non se tratou de eliminar estas medidas en ningún momento. Do mesmo xeito o partido que impulsa esta moción é o maior aliado do PP na aplicación do artigo 155 en Catalunya e a suspensión da autonomía catalá, encarcerando persoas pola súa ideoloxía e bloqueando gobernos lexítimos escollidos polo pobo catalán polos mesmos motivos.

Do mesmo xeito que no debate que se está a producir na actualidade en Madrid a palabra Galiza non foi nomeada en ningún momento. Chama a atención esta realidade en contraposición ás nacións Catalunya e Euskal Herria que si están a ser determinantes e centro do debate que se está a realizar na actualidade, isto deriva efectivamente da ausencia de representación nacionalista no parlamento estatal, é vital que a recuperemos se queremos ser determinantes no momento que se está a abrir no estado español mentres sigamos dentro deste no noso camiño cara a independencia.

Pese a todo isto, dende Galiza Nova consideramos necesario que o Partido Popular e Raxoi abandonen o goberno do estado posto que o seu goberno foi dos máis regresivos dos últimos anos. Unha eventual convocatoria de eleccións anticipadas debe servir para que o pobo galego recuperemos a voz que perdemos en Madrid dende decembro do 2015, algo que Galiza leva pagando moi caro dende entón.