Moncho Reboiras: Semente de vencer

Hoxe cúmprense 43 anos do asasinato por parte da Policía Española do compañeiro Xosé Ramón Reboiras Noia, coñecido posteriormente como Moncho Reboiras, mozo e militante nacionalista durante a década dos anos 70. Para nós, coma mozas nacionalistas, é fundamental reivindicar unha figura coma a de Moncho Reboiras, que á súa curta idade se convertera xa nun referente do nacionalismo galego do momento.

Á altura de 1975, con 25 anos, Moncho Reboiras foi asasinado pola policía do réxime franquista polo perigo que representaba para este un cadro do nacionalismo da súa mocidade, con tanto futuro e tanta capacidade de organización do movemento antifranquista e do pobo galego en xeral. Isto foi un feito que demostrou que o réxime franquista seguía a ser asasino na altura do 1975, nunha época na que tratara de facer xa un primeiro lavado de cara a partir dos anos 60.

Reboiras foi clave durante a década dos 70, un momento fundamental para o nacionalismo galego e un momento clave na construción da conciencia nacional no pobo galego. Neste momento impulsouse a autoorganización do pobo galego en todos os eidos posíbeis, coa creación de organizacións coma ERGA no estudantado, as Comisións Labregas no mundo agrario, ou a Asemblea Nacional-Popular Galega, antecedente directo do actual BNG. Moncho Reboiras era consciente, xunto co movemento nacionalista da altura, da necesidade de crear organizacións nidiamente galegas, e con conciencia de país en todos os sectores do pobo galego para así facer medrar a conciencia nacional no conxunto do mesmo.

Neste ano celebramos que a nosa central sindical de referencia, a CIG, se converteu no maior sindicato en número de delegadas sindicais, tras ser xa dende facía tempo o primeiro en número de afiliadas e historicamente en capacidade de mobilización social. Este é un feito que debemos ao traballo de Moncho Reboiras, no momento da creación Sindicato Obreiro Galego, que logo sería a ING e que na actualidade é a CIG, unificando as diferentes agrupacións de traballadoras dos diferentes sectores meses antes do seu asasinato. Esta é, polo tanto, unha das vitorias do pobo galego para a que Moncho Reboiras deixou semente de vencer co seu incansábel traballo nos anos 70.

O rexime franquista, xa en descomposición, tiña moi claro que movementos debía tratar de desarticular. Daquela, e tamén hoxe, a ruptura coa podremia do estado español virá unicamente dos movementos de liberación nacional, e estes movementos só teñen razón de ser baixo o principio de autoorganización. Polo seu patriotismo, a súa intelixencia na acción e o seu inxente traballo, foi asasinado, mais mentres sigamos a reivindicar a súa figura e traballando nas mesmas coordenadas ideolóxicas no camiño da liberación nacional e social da Galiza, o seu legado seguirá vivo por sempre.

Na nosa terra cumprirase a vontade dos mártires!

Leave a Reply

Your email address will not be published.