MOZAS EN FOLGA POR UNHA GALIZA FEMINISTA

Nos últimos anos estamos asistindo a convocatorias de paros e folgas laborais en todo o planeta. Despois do éxito dos anos previos, este 8 de marzo volvemos a estar chamadas todas as mulleres e mozas a facer folga estudantil, de consumo, de coidados e laboral, así como a acudir masivamente ás manifestacións e concentracións convocadas polo tecido feminista e sindical galego. Neste sentido, desde Galiza Nova presentamos unha campaña propia coa que queremos socializar entre as mozas galegas a folga convocada polo sindicalismo obreiro galego, a través da CIG e as distintas mobilizacións que conovoca o movemento feminista galego a través de Galegas8M.

Fronte ao discurso conservador que fala da existencia de igualdade plena, no 2017 recolléronse os datos na Galiza dun 22% de fenda salarial entre homes e mulleres, cun 21% de traballadoras con contratos a tempo parcial, cun 35% de contratos de menos dunha semana a nome de mulleres, e un 36% de fenda nas pensións. Todo iso conxúgase con feminicidios e agresións, violencia a diferentes niveis, unha brutal feminización da pobreza, un sistema educativo que socializa dende a infancia as estruturas patriarcais, falta de soberanía nos nosos propios corpos e o xugo dun sistema capitalista que relega as vidas e as persoas a unha mercadoría máis.

Durante a xornada do 8 de marzo as mozas galegas estamos chamadas pola CIG a realizar folga laboral, contando con cobertura legal a todas as traballadoras galegas de todos os sectores produtivos e de todos os centros de traballo, para participar neste día de protesta, reivindicación e mobilización. O obxectivo é claro: poñer de manifesto todo o traballo realizado polas mulleres e denunciar a situación de discriminación constante na que nos atopamos.

Tamén no ámbito estudantil se desenvolverá folga, en loita por un ensino feminista, reivindicando tanto o papel das mulleres na Historia e unha educación sexual de calidade, coma a erradicación das agresións machistas no eido estudantil, por parte de alumnos e profesores. É preciso, deste mesmo xeito, eliminar xa o financiamento público dos colexios que segregan por xénero.

Outro eixo vital na reflexión arredor do día da muller traballadora é o dos coidados. O capitalismo e o patriarcado asignáronlle ás mulleres a realización de xeito gratuíto das tarefas máis importantes para que a cadea produtiva poida funcionar, os coidados. Deste xeito, os estados e gobernos, grazas a esta estrutura social, aforran gastar nesas tarefas ás que as mulleres adican unha quinta parte do seu tempo e forza de traballo. Crianzas e persoas maiores ou dependentes a cargo, limpeza, saúde, alimentación, xestión, acompañamento, organización e previsión. De non realizárense estas actividades, sen dúbida, o mundo pararía. Cómpre sinalar o feito da proximidade que estas tarefas teñen ao apego e sentimentos, o que as fai máis difíciles de relegar.

É precisa unha mudanza radical do mundo e dun sistema de consumo cunha lóxica de mercado incompatíbel coa vida, mais para iso debe de existir un compromiso firme e colocar no centro da axenda política todas estas cuestións. Este 8 de marzo será unha data chave cara a construción dunha sociedade xusta e inclusiva onde termos soberanía total.

Por todo isto, desde Galiza Nova facemos un chamamento para acudir á manifestación nacional do domingo 3 de marzo, ás 12h en Lugo, e a todas as convocatorias locais do 8 de marzo.

SE NON CONTAN CON NÓS, QUE PRODUZAN SEN NÓS! MOZAS EN FOLGA POR UNHA GALIZA FEMINISTA

 

Leave a Reply

Your email address will not be published.