Loitemos por unha Galiza nova!

cartaz_redes_sociaisAs mozas e mozos nacionalistas rebelámonos contra o presente, saímos ás rúas para defender a soberanía da Galiza, como ferramenta precisa para crearmos un futuro digno na terra, como ferramenta necesaria para combater as políticas da Troika e de Madrid que condenan ás mozas e mozos á fame, á miseria e á emigración.

Porque estamos fartas. Porque estamos fartos de vivir baixo este sistema cruel. Estamos fartas de que nos boten da propia terra. De que esnaquicen os nosos sectores produtivos, a nosa industria, o naval, o rural, que non nos deixen producir nin traballar.. Estamos fartas dos desafiuzamentos, de que salven á banca a costa do noso pobo, de que exploten á nosa clase e engorden ao capital, de que eliticen o ensino e o empreguen para españolizarnos e criminalizar á nosa lingua.

Non podemos quedar de brazos cruzados mentres secuestran o noso futuro. Por iso chamamos a MUDALO TODO! A loitar por un país novo, unha Galiza nova, rebelándonos día a día, nas rúas, nas prazas, no traballo, nas escolas e universidades.

Poderán reprimirnos e de seguro que pretenderán amedrentarnos, mais mentres as mozas e mozos continuemos erguendo a bandeira da nosa Patria, o facho da independencia continuará alumeando cada día con maior intensidade até levarnos á conquista da absoluta liberdade.