Na defensa do deporte galego, seleccións nacionais.

Galiza, nación sen estado propio e sen poder de decisión en practicamente ningún dos seus ámbitos, queda fóra tamén de ter representación internacional a través do seu deporte. Durante o periodo 2005-2008 no que o BNG estivo no goberno da Xunta de Galiza, o deporte galego comezou a visibilizar as súas equipas nacionais nos diferentes escenarios deportivos, malia ter que ser só dunha forma simbólica e reivindicativa e nunca oficial. Ca entrada do PP na Xunta eses pequenos, pero á vez grandes, símbolos que reclamaban esta causa que nos trae, foron totalmente erradicados, mentres pola outra banda se promocionaba a entrada das diferentes seleccións españolas nas instalacións deportivas do país. Todo isto co fin de esquecer da conciencia colectiva un traballo que se iniciou hai 9 anos e que se mantivo despois outros 5 anos máis co esforzo do colectivo Siareir@s Galeg@s. Mais o que non comprenden é que os seus esforzos son inútiles, e non van lograr que abandonemos a nosa xusta reivindicación.

A retirada do apoio ás seleccións galegas vai directamente ligada aos ataques ao deporte de base por parte do goberno galego, que leva dende o ano 2009 recortando en apoios económicos e loxísticos a todo aquelo que se alonxe das Sociedades Anonimas Deportivas. Isto ataca de cheo ao deporte de idade escolar, e moi especialmente ao feminino. Este último, o das mulleres, conseguira abrir un pequeno oco onde se visualizar a través das propias seleccións nacionais, cuestión que ben pouco lle importa á dereita española. É por isto polo que reclamamos unhas seleccións nacionais e oficiais, unha política centrada no deporte de base e que potencia o deporte feminino, e unha oposición total ao uso do deporte coma o negocio das élites económicas. Adiante cas seleccións nacionais! Adiante co deporte galego!

En Lugo, 21 de decembro de 2014