Na Galiza en Galego: Medidas de lingua

21- Nunha Galiza independente non teremos demoras nos trámites administrativos realizados na nosa lingua, nin nos poñerán problemas por facer os exames en galego.

22- Deixarán de existir deturpacións como La Coruña, Sanjenjo ou Mellid.

23- Teremos acceso a máis material cultural elaborado por autores galegos no noso idioma.

24- Contaremos cuns medios de comunicación públicos que aposten polo idioma empregándoo sempre como lingua vehicular, incluso na publicidade.

25- Desenvolveremos toda a potencialidade do nosos idioma, nomeadamente nas relacións internacionais cos países da lusofonía.

A situación do galego na Galiza amosa perfectamente a colonización que está a experimentar o noso País baixo o xugo do estado español. A actual lexislación educativa coloca ao galego nunha situación de inferioridade no número de horas lectivas con respecto ao castelán co argumento de incrementar a formación do alumnado en linguas estranxeiras. Asemade, regula o idioma que debe empregarse na docencia de cada materia, eliminando o galego daquelas de carácter científico-técnico, contribuíndo así a fomentar o estereotipo de que o galego non é lingua na que facer ciencia, non é a lingua do progreso. Sabemos ben que ter leis que protexan o galego non é a panacea, temos o exemplo da Lei de Normalización Lingüística que foi aprobada por unanimidade no Parlamento e é incumprida sistematicamente por aqueles encargados de velar pola súa aplicación. O goberno do Partido Popular non só denigra o idioma arredándoo da primeira liña, tamén o fai cada vez que o utilizan. Temos un presidente da Xunta que descoñece a colocación dos pronomes, a conxugación dos verbos ou incluso erra no título dalgunha das obras máis representativa da nosa literatura.

Nesta república deixarán de existir sinais indicando o camiño a La Coruña, aberracións no Google Maps como Órdenes ou Rianjo, ou noticias nos xornais falando de Villalba e Villagarcía

Precisamos dunha República Galega que dignifique dunha vez por todas a nosa lingua. Nesta república deixarán de existir sinais indicando o camiño a La Coruña, aberracións no Google Maps como Órdenes ou Rianjo, ou noticias nos xornais falando de Villalba e Villagarcía. Poderemos manter unha relación coa Administración pública en galego sen que iso supoña un menoscabo nos nosos dereitos e sen ningún tipo de demoras nos trámites burocráticos. Por suposto, a Administración terá o galego como lingua vehicular acadando ámbitos nos que a día de hoxe impera o castelán, como ocorre nos hospitais e nos xulgados. A CRTVG volverá a ser un axente normalizador: unha canle pública onde a programación sexa rica e variada, e que cunha programación cen por cen en galego; que conte cunhas profesionais concienciadas da súa importancia e cunha especial preocupación polo seu labor de divulgación, utilizando un galego correcto mais sen apartalo das diversas variantes dialectais. A aposta por unha verdadeira política lingüística leva parello un desenvolvemento do sector cultural galego, fomentando a creación de materiais no noso idioma, tanto orixinais como traducións de obras estranxeiras.

Desenvolvermos todas as potencialidades da nosa lingua ábrenos as portas a comunicarnos sen atrancos cos países da lusofonía: máis de 300 millóns de persoas, coa posibilidade de establecer alianzas políticas e comerciais.

Precisamos unha Galiza soberana na que podermos vivir libremente no noso idioma, na que poidamos lucir orgullosas a nosa lingua sen atrancos.