“Na hostalaría precisamos a Folga Xeral” artigo de opinión de Pablo Ríos (Kai)

Pablo Ríos (Kai) é traballador da hostalaría dende os 16 anos e Responsábel Comarcal de Galiza Nova no Morrazo.

Ás portas da realización da folga xeral do 19 de xuño, convocada pola CIG, toca analizar os motivos polos que cada traballadora debe ir á folga. Non só secundar a folga é importante, senón que socializar a convocatoria da mesma no propio centro de traballo ou de ensino, é de vital importancia de cara á concienciación necesaria para dar un golpe na mesa do capital este 19 de Xuño.

En todos os anos que levo como traballador da hostalaría deime conta de que este sector é un dos máis complexos, se non o máis complexo, dos sectores laborais no noso país. Por comezar polo principio, as condicións das traballadoras da hostalaría son tremendamente precarias, tanto a nivel salarial como no referente á xornada laboral ou á cotización. 

A hostalaría nútrese principalmente de traballadoras non cualificadas, ou traballadoras que podemos denominar “de paso”. Isto é, a hostalaría é percibida como un traballo no que non se precisa formación e que é unha opción para calquera persoa que precise unha retribución económica de xeito rápido por un traballo no que non precisa de preparación previa. Por isto, tal como decía antes, este é un sector cheo de persoas que teñen outros estudos ou que recurren á hostalaría cando non atopan traballo “do seu”. Polo tanto xuntamos varios factores: quen recurre á hostalaría por un motivo de necesidade ou emerxencia e quen recurre a esta actividade para manterse ocupada mentras non atopa traballo do que estudou.

Esta percepción da hostalaría fai que non sexa tomada, por moitas das súas traballadoras, como un emprego real ou o seu emprego, polo que tamén a conciencia desenvolta en tanto que colectivo laboral apenas existe. Debido a isto atopámonos cun sector completamente desregulado onde se cumplen xornadas laborais de 10 ou 12 horas diarias, onde cotizamos como se dunha media xornada se tratase, por un salario miserento, e o máis importante: un sector individualizado onde non existe negociación nin conflito colectivo contra o empresariado.

Estamos a falar dunha actividade que nunca cesa, onde secundar unha folga xeral é, en moitos casos, despedirte do teu emprego, xa que un día de folga xeral é moitas veces tomado coma un día festivo, motivo polo que os locais de hostalaría permanecen cheos todo o día. Isto é algo que todas debemos mudar. Nunha convocatoria de folga xeral, como a lanzada pola CIG para este 19 de Xuño, debemos ser resposábeis e non acudir a consumir nos locais de hostalaría.

Ampliando a folga xeral tamén a unha folga de consumo neste sentido, faremos que para días tan imporantes para a clase traballadora como son os de exercer o dereito á folga, os negocios que abran e que obriguen ás súas empregadas a realizar a súa xornada laboral se vexan baleiros e polo tanto non saquen rendemento económico

Ampliando a folga xeral tamén a unha folga de consumo neste sentido, faremos que para días tan imporantes para a clase traballadora como son os de exercer o dereito á folga, os negocios que abran e que obriguen ás súas empregadas a realizar a súa xornada laboral se vexan baleiros e polo tanto non saquen rendemento económico.

Queda moito traballo por facer na hostalaría do noso país para construir unha conciencia de clase forte e un movimento colectivo que faga fronte aos ataques indiscriminados do empresariado hosteleiro. É resposabilidade de toda a sociedade non permitir que se denoste aínda máis a figura da traballadora da hostalaría.

É de vital importancia regular este sector, loitando por un convenio colectivo satisfactorio para as traballadoras e loitando por facer que se cumpla. Neste 19 de Xuño temos unha oportunidade inmellorable para sementar conciencia de clase nas traballadoras galegas, para que medre e floreza o conflito laboral e a reclama de dereitos a través dos cales conseguiremos un futuro mellor para nós, para o sector e para o conxunto da sociedade galega. Animo a todas as compañeiras a socializar esta convocatoria de folga e a secundala este 19 de Xuño. Polo noso futuro e o de todas, folga xeral!

Leave a Reply

Your email address will not be published.