Nin entregadas nin sumisas. Loitadoras, valentes e revolucionarias! Artigo de Nerea Cazás

Nerea Cazás, responsábel da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova no Baixo Miño

Desde pequenas, as crianzas crecemos coa ilusión da celebración dos días do Pai e da Nai. No primeiro caso, agradecemos aos nosos pais –figuras de autoridade, “cabezas de familia”, “os que traen o pan a casa”, os que chegan á noite de traballar e aínda así, ás veces, teñen algún detalle ou agarimo– todo o esforzo e valorizamos esa labor cunha perspectiva de admiración querendo chegar a ser coma eles nun futuro. No segundo caso, ás nais agradecémoslles “que nos críen”, resaltando un compoñente emocional de amor incondicional –ata na escola se nos di que unha das definicións de amor é a que sinte unha nai polos seus fillos – cara a unha persoa cuxo traballo non está ben definido no noso imaxinario de nenos mais sempre está aí.

Se ben, o feito de celebrar estas datas responde á concepción máis rancia de familia tradicional (primeira institución perpetuadora dos roles de xénero) cómpre analizar traendo á actualidade, o uso continuado desta data como branqueamento da figura maternal e dos valores patriarcais asociados a esta. Así pois, as campañas das entidades e empresas en torno a esta data sinalada, xiran arredor dunha xerarquía entre o home e a muller, nun modelo de nai entregada e abnegada e de pai provedor, consignatario e representante da autoridade suprema.

Non é de estrañar polo tanto a campaña coa que nos atopamos por parte de “El Corte Inglés”, onde se nos presenta unha nai “97% entregada, 3% egoísta e 0% queixas” sendo isto igual a receita da nai perfecta a que todas as mulleres debemos aspirar. Unha muller, “100% nai”.

Fronte a isto, nós somos coñecedoras do valor revolucionario das mulleres contando con exemplos nunha Galiza onde Rosalía, Marcela, Elisa e Maruxa Mallo, existen e trascenden –entre tantas outras que non coñecemos por seren silenciadas e marxinadas–, grazas a non resignarse ao papel que lles era imposto, sendo algo máis que futuras nais, coidadoras de fillos: mulleres diversas e libres, donas do seu destino e vidas.

A realidade é ben distinta. Estes esforzos que fai mamá que como crianzas, non chegamos a ubicar, non son máis que a esfera reprodutiva que comprende os coidados e as distintas formas de traballo non produtivo.

Esta labor silenciada é a base sobre a que se asenta todo a esfera productiva e cuxa existencia e non remuneración e vital para o capital, que se encargou historicamente de negar o recoñecemento destas accións como traballo. Non hai nada máis beneficioso para o sistema de produción que que parte do traballo que realiza a metade da poboación sexa gratuíto.

Dende a Asamblea de Mulleres de Galiza Nova, opoñémonos non só ao modelo cisheteropatriarcal que nos delega ao encaixe nesta figura maternal senón tamén ao uso do día da Nai como data enaltezedora da imaxe de muller sumisa e do uso desta para o beneficio económico nunha festa do consumo en forma de compras para mamá.

Leave a Reply

Your email address will not be published.