Nin unha menos! Participa nas concentracións contra o feminicidio en Cabana de Bergantiños

Vimos de ter coñecemento dun novo feminicidio que tivo lugar na tarde do domingo en Cabana de Bergantiños. Ana Belén Varela Ordóñez tiña 50 anos e estaba en trámites de separación do seu marido, quen a asasinou dun disparo en presenza dos seus fillos.

Unha das primeiras informacións que trascendeu acerca do presunto asasino foi o feito de non estar tomando o tratamento médico que precisaba para a súa patoloxía psiquiátrica. Mais non valen atenuantes de ningún tipo ante a violencia machista. Non imos consentir que as nosas vidas sigan en perigo ante individuos que se consideran donos de nós.

Desde Galiza Nova reclamamos a fin da violencia contra as mulleres e esiximos responsabilidades e medidas urxentes para acabar cos feminicidios. Os datos aterradores das estatísticas -que supoñen só a punta do iceberg- xunto con outras  múltiples formas de violencia máis invisibilizadas, poñen de manifesto a necesidade urxente dunha resposta. Son necesarias medidas políticas e institucionais que vaian máis alá dos minutos de silencio, as repulsas ou a condena pública. É precisa a adopción de medidas integrais efectivas que combatan o machismo inserido nesta sociedade e pulen por un outro modelo de relacións entre as persoas baseado na equidade. Necesitamos ademais dun sistema xudicial concienciado coa violencia machista, e non unha xurisprudencia coma a do estado español, que con sentenzas coma a da Manada de Iruña ou a de Juana Rivas, demóstranos constantemente que as nosas vidas non son prioritarias.

Máis ca nunca, é preciso saír á rúa para denunciar, unha vez máis, todo tipo de violencia machista que se exerce sobre as mozas e mulleres, e condenar as políticas retrógradas do goberno que continúa a utilizar a crise como escusa para xustificar o desmantelamento de todos os servizos. Non son casos illados, responden a todo un entramado sistémico que é preciso combater sen tregua.

Desde Galiza Nova animamos a toda a mocidade a acudir ás concentracións convocadas para mañá, martes 21, nos distintos lugares da Galiza.

NIN UNHA MENOS! QUERÉMONOS VIVAS!

Leave a Reply

Your email address will not be published.