Ningunha agresión sen resposta, mobilízate contra o feminicidio

No día de onte coñecemos un novo caso de feminicidio no noso país, trátase dunha veciña do barrio de Monte Alto, na Coruña. Ademáis é un caso moi concreto ao ser o xenro da faleciada o asasino, abrindo de novo o debate na prensa sistémica de se é ou non un caso de violencia machista.

Para a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova está claro que estamos ante un novo caso de feminicidio e é por iso que chamamos a mobilizarnos nas concentracións que terán lugar en todo o pais mañá mércores ás 20h. A violencia machista vai máis alá dunha parella porque se sostén nun sistema patriarcal que anula ás mulleres e ademais a lei actual que temos segue completamente cega e non soluciona o problema.

Alén disto, hai outra cuestión relevante no caso da compañeira da Coruña, pois o asasino intentaba fuxir coa neta da falecida e filla del, unha crianza de 21 meses. As mozas da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova vimos denunciando dende hai tempo este sistema patriarcal onde as fillas e fillos das mulleres maltratadas son vítimas directas da violencia machista e que en moitas ocasións os maltratadores as usan para facerlle dano ás mulleres. Hai unhas semanas saía o caso á prensa de Juana Rivas que se negaba a entregar as súas crianzas ao seu ex compañeiro, malia haber deuncias por violencia machista era obrigada a entregarllos. Son moitas as ocasións en que asistimos a sentencias xudiciais que outorgan a custodia a pais condenados por violencia machista e a un repunte de grupos neomachistas que buscan a imposición da custodia compartida aínda cando unha crianza sinte medo dun pai que viu como maltrataba a súa nai, con argumentos tan anticientíficos como o Síndrome de Alienación Parental (SAP).

Máis ca nunca é necesario seguir saindo á rúa para denunciar todo tipo de violencia machista que se exerce sobre nós e condenar as políticas retrógradas do goberno que está a usar a crise como escusa para xustificar o desmantelamento de todos os servizos contra a violencia machista.

Quéremonos vivas, insubmisas e rebeldes!