No Samaín dá máis medo voltar a casa que os disfraces

Desde a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova queremos denunciar o medo que nos acompaña ás mulleres día e noite polo mero feito de sermos mulleres e deixar claro que as pantasmas non son para nós só cousa do día de Samaín.

A rúa non é nosa cando precisamos de alguén que nos acompañe, cando preguntamos entre nós se chegamos ben a casa, se temos que ter coidado coa roupa que levamos por se alguén (un violador, un xuíz…) o considere demasiado “provocador”.

Esta festividade entorno á figura da muller, onde se exalta publicamente  os estereotipos de xénero máis rancios e retrógrados da sociedade actual, onde pasamos a ser un obxecto sexualizado mesmo sen ter en conta nin a idade da mesma, con nenas pequenas disfrazadas de “enfermeiras sexys”, sen falar das inocentes carapuchiñas sedutoras que o único que piden é que lles veña unha manada de lobos.

Temos o dereito de camiñarmos soas á hora que queiramos e coa roupa que queiramos, e non imos parar até que o consigamos. As rúas e a noite tamén son nosas!

Por iso a asemblea de mulleres de Galiza Nova non vai deixar nunca de estar presente nas festividades, nos lugares onde as rapazas son agredidas, violadas e sexualizadas.

Por un samaín libre de medo. Feminismo sen tregua para liberar Galiza!

 

Leave a Reply

Your email address will not be published.