Non á caza do raposo. Paremos esta barbarie

A ATROCIDADE DOS “CAMPIONATOS” DE CAZA DE RAPOSOS

Nos últimos días presenciamos a promoción por todo o país do que o lobby da caza denomina “campionatos do raposo”. É esta unha presentación eufemística de eventos que non son máis que persecucións a sangue e lume, e por puro pracer, dun animal que cumpre un papel fundamental no noso medio. A partir do vindeiro 12 de xaneiro celebraranse no noso territorio unha serie de vergoñentas competicións, encetando nos montes de Cotobade, e que culminarán no chamado “Campeonato Español”, tamén celebrado en Galiza.

Á gravidade do propio feito de se celebrar estas cacerías engádese o lamentable patrocinio das administracións autonómica e local, ambas controladas polo PP, e que están a apoiar directamente con cartos públicos matanzas de animais. Ante a lóxica caída do número de afeccionados a estas crueis prácticas, os clubs e federacións de cazadores están a petar na porta dos fondos para o deporte e para o desenvolvemento rural, dous conceptos opostos á lóxica destes concursos de escopeteiros.

A falsidade da principal escusa empregada para xustificárense, a do control cinexético, corrobórase botando man dos estudos científicos. En ningún caso se demostrou a necesidade de controlar a poboación de raposo galego mediante batidas indiscriminadas, en todo caso atopáronse evidencias do contrario, dos danos ecolóxicos, sociais e ambientais de reducir a poboación. O raposo é un depredador de especies que provocan grandes perdas no campo, como son os roedores, os micromamíferos e outros pequenos vertebrados que ademais adoitan ser portadores de parasitos que constitúen pragas moi difíciles de controlar por outros medios. Como indican os estudos realizados polo GEAS (Grupo de Estudo dos Animais Salvaxes) o seguimento da especie non apunta un risco real de sobrepoboación de raposo, o cal pode convivir nun equilibrio relativamente estábel co ser humano sen afectar gravemente ás actividades agrogandeiras e ás poboacións de pequenos mamíferos, sempre e cando se manteña un mínimo respecto aos ecosistemas que habita.

Estas cacerías convértense ano após ano nunha impune exhibición de violencia e sangue (Fonte: ADEGA)

Desgrazadamente constatamos aínda unha interesada falta de información nesta cuestión, alimentada por un tecido de afeccionados e profesionais do sufrimento animal de momento moi cohesionados. Existen intereses económicos lucrativos detrás da sobrerrepresentación deste colectivo nas axudas públicas. Ademais, neste caso concreto da caza de raposos, atopámonos coa participación de ENCE, outro dos grandes actores da destrución do noso medio. A compañía eucaliptizadora apoia sen remorsos a competición, a sabendas de que ese apoio estratéxico é moi útil á hora de gañar popularidade en círculos concretos, potenciais clientes e normalmente propietarios de terras agroforestais. É polo tanto o noso deber desenmascarar e denunciar este xogo de intereses que atenta contra animais indefensos, contra o noso medio, e que beneficia a un fato de poderosos e pervertidos.

A sociedade rexeita maioritariamente esta práctica salvaxe, e as mozas galegas berrámolo ben alto: NON ÁS MATANZAS DE RAPOSOS!