Non á guerra imperialista en Siria

Durante esta noite a alianza imperialista formada por Francia, o Reino Unido e os Estados Unidos atacaron directamente con bombardeos aéreos a Siria. O país leva anos inmerso nunha guerra civil de extrema complexidade que na actualidade parecía decantarse máis pola vitoria do goberno sirio no que entran en xogo multitude de factores pola importancia xeo-estratéxica do territorio sirio.

Nese sentido, e co pretexto da utilización de armas químicas por parte do goberno sirio, unha estratexia xa empregada en numerosas ocasións historicamente polos Estados Unidos, estase a preparar o terreo para unha maior intervención militar no país. Chama a atención que esta situación se dea cando os denominados “rebeldes” apoiados polos Estados Unidos e a OTAN e o ISIS están a perder posicións fronte o goberno de Al Assad, contrario aos intereses dos Estados Unidos e á súa influencia en Oriente Medio.

Dende Galiza Nova opoñémonos frontalmente e consideramos que o xeito de actuar por parte das grandes potencias militares a nivel mundial, subordinadas a intereses económicos do grande capital, centrados na influencia en Oriente Medio e as propias reservas petrolíferas da Siria é inadmisíbel. Isto non é máis ca unha repetición das guerras vividas nesa zona nos últimos 30 anos, dende a primeira Guerra do Golfo, Afganistán, Irak, Libia e agora Siria. Sempre estaremos na defensa da soberanía e liberdade dos pobos do mundo.

#NonÁGuerraImperialistaEnSiria