Non ao acoso en HEDEGASA

Vimos de coñecer un caso de acoso laboral e violencia machista contra Nélida Pisco, unha traballadora do servizo de transporte metropolitano de Compostela. A DXT comunicoulle a suspensión cautelar de todos os seus permisos de conducir en resposta a unha solicitude de Autobuses de Calo (HEDEGASA S.L.) sen comprobar a veracidade das acusacións, nas que se consideraba a esta traballadora “un risco para a seguridade da condución e para a seguridade dos viaxeiros”. Logo disto, a empresa suspendeu o seu contrato de traballo.

A empresa e a mutua utilizaron informes médicos confidenciais para concluír que a traballadora está incapacitada para conducir un vehículo, cando o pasado mes de novembro obtivo a licenza para transporte de explosivos e mercadorías perigosas, para o que é imprescindíbel non padecer ningún tipo de trastorno incapacitante. Esta decisión deixa a Nélida Pisco completamente desprotexida, xa que non cobra salario nin ten dereito a prestación.

Trátase, claramente, dunha situación de discriminación e violencia machista contra a traballadora. Non é tampouco unha novidade, xa que Nélida Pisco vén padecendo acoso laboral dende o ano 2009, cando solicitou unha redución de xornada por motivos de conciliación familiar. Por este motivo foi despedida e logo readmitida, sendo HEDEGASA condenada a pagarlle unha indemnización por danos morais.

Do mesmo xeito, a empresa intentou que a traballadora, a cambio de diñeiro, deixase voluntariamente o posto de traballo.

Ante estes feitos, a CIG acusa á DXT e aos donos de Autobuses de Calo por acoso laboral e violencia machista, e anuncia medidas contra a empresa. Ademais, impulsa unha campaña en defensa dos dereitos laborais de Nélida Pisco e todas as mulleres traballadoras para que esta situación de discriminación e violencia remate dunha vez por todas.

Desde Galiza Nova chamamos á participación na concentración convocada para este xoves 19 de xaneiro ás 11h na dársena da Estación de Autobuses de Compostela.

#TodasSomosNeli #NonAoAcosoEnHedegasa