REBAIXAS SI, PERO NON DE DEREITOS

non-as-rebaixas-laborais

É tempo de rebaixas, si. Pero non podemos continuar a tolerar como se rebaixan as condicións laborais da mocidade e do conxunto da clase traballadora. Sectores como o téxtil ou o comercio padecen unha elevada precariedade laboral, resultado do continuado recorte dos salarios e das condicións de traballo, auspiciados polas reformas laborais impostas por PSOE e por PP.

Reformas que dinamitaron a negociación colectiva, ampliando a vantaxe do empresariado sobre os e as traballadoras á hora de negociar os convenios. Que facilitaron e abarataron até o extremo o despedimento. Que xeneralizaron contratos ultraprecarios, temporais e a tempo parcial. Reformas que lograron empobrecernos máis para seguiren a cebar as contas de resultados do empresariado.

No comercio e no sector téxtil esa realidade é moi evidente. Mentres os lucros das grandes empresas multinacionais non deixan de medrar, os nosos dereitos e salarios continúan minguando. O aumento da explotación laboral é o principal mecanismo que as empresas empregan para abaratar os prezos, desde a manufactura até a venda directa ao público. A deslocalización da produción a outros países é o grao máis brutal desa política. Desta maneira, o capital consegue realizar a produción en outros países nos que as condicións laborais son inda peores, con xornadas de até 16 horas diarias 7 días a semana por salarios de absoluta miseria (40€ ao mes). A explotación é a súa forma de negocio.

Como consumidores e consumidoras debemos ser conscientes desta situación, xa que resolvela exixe da implicación solidaria de todos e de todas, para urxir a través da mobilización e o activismo unha mudanza radical.

Desde Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, exiximos que os gobernos galego e español adopten medidas concretas para poñer fin á permanente rebaixa dos nosos dereitos laborais. Para logralo demandamos que:

– Aumento dos salarios.
– Derrogación das reformas laborais e da negociación colectiva.
– Eliminación das ETTs, limitación da contratación temporal e a tempo parcial.
– Redución da xornada laboral a 35h semanais e limitación das horas extra.
– Reactivación da negociación colectiva nun Marco Galego de Relacións Laborais.
– Nova regulación dos horarios comerciais que permita o descanso e a conciliación da vida laboral e persoal.
– Penalizar ás empresas que deslocalicen a súa produción a outros países con peores condicións laborais.

Que as rebaixas o sexan por reducir as marxes de lucro do empresariado, non a costa da explotación e do empobrecemento dos e das traballadoras!