Non é a hora da represión, é a hora de Galiza

No contexto dun ataque sen precedentes do capitalismo mundial cara as clases populares e os seus dereitos, observamos como o Estado Español, gran aliado das oligarquías económicas, segue estritamente os seus ditames.

A nova fase de aumento da marxe de beneficio do capital pasa polo empobrecemento paulatino das clases populares, así como pola usurpación de dereitos e melloras laborales conquistadas, mediante procesos de loita, no pasado.

Para conseguir isto, o estado burgués opera seguindo a súa propia natureza, garantir a dominancia das clases dominantes mediante e represión explícita cara os axentes que poñan en perigo este traballo.

No Estado Español observamos unha represión especial, e unha involución dos dereitos democráticos, nunha cuestión que ten capacidade de rachar co sistema. Os movementos de liberación nacional.

Asistimos pois a unha persecución inadmisíbel nun estado que se di democrático, que carga contra a liberade de expresión, exerce unha ditadura mediática e persegue sen vacilación a todo elemento subversivo que poida poñer en perigo o status quo en favor das maiorías sociais.

Desde Galiza Nova rexeitamos a represión e a involución dos dereitos democráticos no Estado Español. A chegada do goberno do PSOE de Pedro Sánchez non trouxo consigo ningunha mudanza significativa dentro do estado.

Mostra disto é a non derrogación da Lei Mordaza, da LOMCE ou a continuidade na aplicación do 155 en territorio catalán e a non liberación dos presos políticos independentistas aínda existentes en cárceres do Estado Español.

Para Galiza Nova, xuventudes do BNG, o Estado Español é completamente irreformábel. É por iso que só mediante o apoio de forzas propias, seremos quen de frear esta represión e involución democrática e mellorar a calidade material de vida do noso pobo.

Precisamos ter voz propia, unha voz que só teña por dona ás clases populares galegas, para, entre todas, rematar con este estado corrupto e antidemocrático.

NON É A HORA DA REPRESIÓN DO ESTADO ESPAÑOL, É A HORA DE GALIZA

Leave a Reply

Your email address will not be published.