Non é hora da monarquía española, é a hora de Galiza. Artigo de Daniel Castro

Estamos no ano 2019 e os Borbóns seguen aí. Estamos no ano 2019 e a monarquía segue vixente e con moito poder no Estado español. Estamos no ano 2019 e os herdeiros de Franco continúan a telo todo “atado e ben atado”. Así, ante este panorama desolador é fácil preguntarse a razón pola cal esta institución pode seguir sendo considerada actual, útil e, sobre todo, democrática.

Daniel Castro, nº4 da candidatura do BNG nas eleccións xerais por Lugo e integrante da Dirección Nacional de Galiza Nova

O certo é que esta situación pasa a ser máis aberrante, se é posible,  cando falamos dunha monarquía que leva no seu ADN a discriminación, a desigualdade e o imperialismo e que desde hai xa séculos levamos sufrindo nas nosas carnes; ben sexa co desprezo e persecución  da nosa lingua, co intento de extinción da nosa cultura e coa negación categórica da posibilidade de que exerzamos a nosa soberanía  para decidilo todo.

Mais esta é a realidade. Unha realidade que chega a ser difícil de crer. Unha realidade na que o monarca Filipe VI, despois da brutal represión que sufriu o pobo catalán no xa coñecido 1 de outubro, sae a falar ante os seus “súbditos” negando calquera tipo de violencia por parte dos corpos policiais. Mais non só iso, xa que mentres pronunciaba este discurso belixerante aproveitaba a ocasión para erixirse como o máximo garante da unidade de España.

E é que como xa se dixo esta é a realidade da monarquía española. Unha monarquía que, pese a todo o poder que posúe, non se pode soster por ela mesma. Este feito débese a que a supervivencia da institución é posible grazas á maquinaria que proporciona o chamado Réxime do 78, do cal ela tamén forma parte. Un Réxime do 78 que ante calquera problema ou ameaza que poida sufrir a monarquía emprega todos os seus mecanismos para salvagardala e protexela.

Disto nós sabemos moito, xa que tamén sufrimos a súa violencia. Violencia que se disparou contra 19 persoas que soamente reclamaban que o que un ditador lle roubou ao pobo lle fose devolto ao pobo e que, incomprensiblemente, pasaron a estar denunciadas por unha organización fascista que soamente podería existir en estados coma o español.

Deste xeito e ante tal conxuntura  moitos cren que a solución máis rápida e efectiva para derrocar ao Rei é a chegada da República española. Mais é certo tamén que son moitos os que claman polo referendo sobre monarquía ou república e que despois pechan a boca, ou mesmo critican ferozmente aos pobos que loitamos pola nosa autodeterminación. Polo que se fai estraño e triste ver como esta esquerda española sen darse conta (ou si) está a perpetuar ao Borbón no trono. E é que xa sabemos que España é irreformable e polo tanto, non podemos pechar os ollos ante este feito.

Mais, que facemos entón? Como podemos acabar con isto? Estas preguntas non son doadas de resolver, iso si, todo o que levamos visto e vivido móstranos que só hai dous camiños posibles.

 O primeiro é o de acomodarnos. Quedarnos sentados vendo como as nosas liberdades seguen sendo reducidas até límites soamente vistos nos tempos do Franquismo e facendo oídos xordos, acatalo todo.

A  segunda vía é a nosa, a que levamos facendo toda a vida, a de ser unha forza que soamente se subordina ao pobo galego, a que loita pola nosa soberanía, pola nosa lingua, pola nosa cultura, pola nosa economía e en resumo, a que loita por este país que quere acabar coa opresión colonial.

Por todo isto e por moito máis estou moi orgulloso de poder defender o meu país baixo as siglas do BNG, unhas siglas que son imprescindibles en calquera institución. Esta é a razón pola cal as eleccións do 28 de abril volven ser de suma importancia para o noso país. Un país que precisa de todos e todas nós e que co BNG e Galiza Nova berra alto e claro:

NON É HORA DA MONARQUÍA ESPAÑOLA, É A HORA DE GALIZA!

Leave a Reply

Your email address will not be published.