NON É HORA DA MONARQUÍA ESPAÑOLA, É A HORA DE GALIZA!

A monarquía española leva dende hai séculos oprimindo a Galiza, estabelecéndose unha continuidade dende os Reis Católicos até o día de hoxe.

Aínda que se tente facer un lavado de cara coa monarquía actual, non esquecemos que provén dende lonxe dunha historia de espolio colonial e violencia e dende máis preto da ditadura franquista, que deixou como sucesor ao pai do actual rei. Isto móstrase cando se cumpre apenas un ano e medio do discurso de Felipe VI no que deslexitimou a vontade do pobo catalán sobre o seu dereito a independizarse e cando se sitúa coma o máximo garante da “unidade de España”.

Dende Galiza Nova consideramos que este é un réxime totalmente inxusto, que mantén á súa cabeza unha institución totalmente anacrónica e que nos condena á dependencia do estado español. A nosa dependencia é a causante de ter os salarios máis baixos, de que non poidamos expresarnos libremente na nosa lingua, de que as mozas galegas non poidamos ter proxectos de vida dignos e en definitiva de que as nosas condicións de vida sexan peores. Para rachar con ela en Galiza Nova apostamos por un ano 2019 no que continuemos na loita pola nosa liberdade, para o que é necesario a constitución da República Galega.

Precisamos ter voz propia nos espazos de decisión política do estado, para levar a voz das galegas que rexeitamos a esta monarquía corrupta, que existe como garante da “unidade de españa” e da supervivencia do sistema de producción capitalista dentro do estado español.

É por isto que desde Galiza Nova renovamos o noso compromiso político, social e electoral co BNG, como forza nidiamente galega, sen subordinación a ninguén mais que ao pobo galego, sabendo que é a única forza política que pode acabar coa opresión colonial: cultural, económica e política, que representa a monaquía española.

NON É HORA DA MONARQUÍA ESPAÑOLA, É A HORA DE GALIZA!