NON É HORA DE CENTRALISMO

Nos últimos anos Galiza estivo ausente no parlamento español, un lugar no que se toman unha grande cantidade de decisións que nos afectan negativamente polo rol de dependencia colonial que nos ata ao estado español.

O centralismo e o imperialismo son inherentes ao deseño do estado español do réxime do 78 que impide que na Galiza poidamos desenvolver políticas propias para construír un país máis próspero no que poidamos vivir dignamente.

Parello a esta situación, o estado español tamén busca uniformizar o conxunto do territorio e negar a existencia de nacións diferentes á mesma, tratando de eliminar por completo a nosa identidade, as nosas culturas e as nosas linguas para manter a unidade de España co deseño autoritario actual que coñecemos.

Por iso fronte a negación de Galiza, dende Galiza Nova e o BNG nós queremos afirmar que somos un pobo que existimos, que temos dereito á nosa autoorganización e a constituír un estado independente co que poidamos ser un pobo dono do noso destino. Porque só coa plena soberanía da nación poderemos desenvolver as nosas capacidades para poder xerar emprego digno no noso país e poder vivir dignamente na nosa terra.

O voto ao BNG supón a defensa do dereito de Galiza a existir e ao mesmo tempo que naquelas cuestións que nos afecten, se defendan os intereses da mocidade e o pobo galegos, na defensa dunha AP-9 galega pública e gratuíta, da necesidade de que ENCE abandone a Ría de Pontevedra e en definitiva na defensa da mellora das nosas condicións materiais de vida.

Por iso nestas eleccións precisamos ter voz propia, unha voz que só teña por dona ás clases populares galegas, para, entre todas, rematar con este estado que nos nega como pobo e que premia os intereses do grande capital fronte os dos pobos.

NON É A HORA DO CENTRALISMO, É A HORA DE GALIZA