Non é hora dunha falsa democracia, É a hora de Galiza. Artigo de Antonio Nogueira

Antonio Nogueira, biólogo, activista social e membro do BNG do Morrazo

Creo, penso e sei, que vivimos inmersos nunha falsa democracia, e estou disposto a defender esta postura diante de quen sexa dende vai anos. Trátase de algo xa analizado e concluído por muitos de nós, un concepto básico e inicial nas persoas que adquirimos a consciencia da rebeldía de traballar a prol da liberación nacional e social do noso país.

Mais convén reflexionalo, debatelo e repetilo en voz alta de vez en cando; espallar a idea e chantar a nosa argumentación nesa gran maioría social, que mais ou menos a desgusto, viven seguindo a corrente. E convén facelo sobre todo en momentos de especial relevancia política, como o son os vindeiros meses de abril e maio de 2.019 onde tanto nos xogamos todas.

É o momento de non ter medo fronte ao discurso imposto, de non calarse e dicir ben alto, nos nosos fogares, nos nosos centros de traballo e ensino, nas prazas, nos bares, nas rúas; que nos negamos a seguir vivindo baixo a xefatura de monarcas elixidos por liñaxe medieval. Que non aturamos xa mais o fedor deste estado podrecido da mentira e da estafa, da corrupción sistemática, dos crucifixos nas escolas e dos comisarios das “cloacas”. Queremos rachar todas esas cadeas que nos seguen atando a esa longa noite de pedra, a ese pasado tan recente e tan atrasado, escuro e reaccionario.

Queremos vivir nunha república erixida en democracia plena e participativa. Tecer soberanía para todas as persoas e para todos os pobos, tamén para o noso pobo. Soberanía porque queremos decidir, construír e vivir en sociedades erguidas en pé de igualdade, con acceso garantido ao traballo digno na nosa terra. Non aturamos nin un só espolio, recorte ou privatización mais, veña do PP de Feijóo ou veña do Estado Español.

Demandamos, neste 2.019 da nosa era, dereitos sociais e laborais avanzados e consolidados para todas as persoas, unha economía dende, por e para o ben común, xustiza social e interxeracional para termos futuro. Demandamos erguer a dignidade nacional para derrubar ás fronteiras deste reino, tanto as do “estreito” como as do Miño, porque ningunha persoa nin ningunha identidade histórica e nacional, é ilegal.

Somos quen de manter a afirmación do título deste artigo en base a tres realidades que ocorren no Reino de España dun xeito diario:

– A aplicación “in crescendo” de formas de represión claramente antidemocráticas por parte do estado.

– A existencia dunha manipulación da información e dos medios culturais case total.

– A prevaleza dos privilexios económicos das elites por riba dos dereitos humanos.

No sistema actual: Estado español capitalista, Reino de España, Réxime do 78; os beneficios económicos dunhas minorías están sempre por riba tanto dos dereitos das persoas como dos pobos, así como da conservación do noso medio natural (base do sustento de calquera sociedade). O proxecto deste sistema mantén baixo o limiar da pobreza a vez que condena ao exilio forzoso, a centos de milleiros de persoas na Galiza e a millóns de persoas no conxunto do Estado Español, un dos estados mais desiguais de toda Europa.

E todo isto ocorre mentres se manteñen os privilexios do IBEX 35. Mentres son rescatados bancos, autopistas e pasteiras como ENCE, e se establecese unha corrupción sistémica de marcos legais construidos e exercidos a medida dos oligopolios da construción, da enerxía, das telecomunicacións ou da biotecnoloxía entre outros. Un sistema económico baseado na especulación, na desigualdade e na explotación laboral; escravitude do século XXI.

Cando non se constrúe unha economía planificada baseada no ben común e nunha explotación racional e sustentable dos recursos naturais, que garanta a consecución da maior calidade de vida para todas as persoas; non hai democracia.

Vivimos inmersos nunha ditadura mediática e cultural, unha cárcere das ideas. Existe unha realidade “real” e despois existe unha realidade “virtual”, xestada e adulterada ao calor das editoriais e “parrillas” dos mass-media do sistema, os cales están pagados e controlados a súa vez polas oligarquías do poder económico. Xunto con outros factores sociais e históricos, a situación conclúe en que como sociedade vivamos baixo un dominio ideolóxico-cultural (disfrazado de liberdade de elección individual) case absoluto, que moldea mentes xeración tras xeración.

Grupo Voz, Grupo PRISA, A3, La Sexta, Cadena SER, Hollywood, Netflix, Facebook, Youtube, etc., constrúen e colocan as lentes polas que, por desgraza, unha gran parte da poboación pensa e reflexiona este sistema, a sociedade e incluso a súa propia vida. Parafraseando a Eduardo Galeano: “Neste sistema, as persoas e os pobos, só temos dereito a elixir unha soa cousa; con que salsa preferimos ser devorados”. Cando non existe un acceso universal a información, formación e cultura, de calidade, plurais, éticos, veraces e libres; non hai democracia.

Na Galiza de feito enfrontamos posiblemente a peor das ditaduras mediáticas do conxunto do estado. Non temos un só xornal impreso nin na nosa lingua, nin que non responda aos intereses antidemocráticos do Réxime. A CRTVG foi secuestrada e transformada dende o seu nacemento nun instrumento de propaganda e manipulación da extrema dereita española na Galiza. Pero na actualidade a TV do PP de Feixóo vulnera os formalismos democráticos mais elementais, un nivel de censura, inxerencias e control político tan brutal, que as traballadoras da CRTVG levan mais de 2 anos secundando paros masivos e protesta social mediante o movemento “Defende á Galega”.

O Réxime do 78 foi volvendose de cada vez mais represor. A existencia de leis de excepción e de ducias de presos políticos e milleiros de presos sociais no conxunto do estado así o demostran. O obxectivo non é outro que xerar unha auténtica política do “medo” nos sectores mais conscientes e mobilizados da sociedade, crear desalento e desesperanza nos movementos sociais. A Lei Mordaza que na práctica intenta anular dereitos fundamentais como a folga, a manifestación ou a liberdade de expresión. A censura ou secuestro de ducias de editorias, canais ou xornais, especialmente en Euskal Herria. O xuízo ao Procés e o encarceramento do goberno catalán electo, os casos dos 19 de Meirás ou de Altsasu, amosan esta realidade en toda a súa crueza. Nós non vivimos en democracia, isto é outra cousa.

E como non é democracia, o Réxime español non ten nin o mais mínimo resquicio de lexitimidade, nin proxecto, nin solucións, nin nada que ofrecer ao pobo galego e ao resto de pobos do estado. E precisamente é por esta razón que o réxime atopase nunha situación muito máis fráxil e “derrotable” do que as elites lles gustaría e do que calquera cidadán podería pensar a priori.

Cunha lei electoral feita a medida e cunha presenza diaria e constante en tódolos xornais e televisións, os 5 partidos do Réxime só poden ofrecer o show da engano, aproveitarse dos sentimentos mais ruíns dunha parte da sociedade (odio, medo, intolerancia, descrédito, mal menor, voto “útil”…) escenificando o xogo da súa “democracia”. Un “toma e dálle” sempre controlado e auspiciado polos mass-media en nómina do IBEX 35.

De bipartidimo a bipartidismo a catro, e agora a bipartidismo en bloques supostamente antagónicos: Por un lado temos ao trifachito cavernario PP-C’s-VOX, abandeirados do odio e da intolerancia mais extremistas. Polo outro temos ao binomio progue PSOE-Podemos, o cal intenta presentarse como a única alternativa á caverna tricéfala, ao tempo que branquean o sistema mesmo, asumindo o seu papel de segunda pata imprescindíbel na que o Réxime se asenta e descansa. Alternancia distinta pero dentro do mesmo sistema. Así o demostran os últimos 40 anos de falsa democracia, especialmente clarificadora a última etapa da crise-estafa dende o 2.008.

Aos partidos españois non lle son prioritarios os problemas do pobo galego, porque só miran a Galiza como un territorio con poucos votantes no conxunto do estado e sometidos politicamente na súa maioría (polo de agora). Un territorio con recursos valiosos e man de obra cualificada, para exportar á meseta e ao levante do Reino. Como ben di o candidato polo BNG Nestor Rego a este respecto: “Por se non ficase claro tras tres anos de ausencia da axenda galega nas Cortes, o colofón foron os Orzamentos do Estado, negociados por Podemos-En Marea co PSOE e votados a favor a pesar de seren os peores orzamentos de investimentos na Galiza en moitos anos”.

Curiosamente os 5 partidos do sistema en teoría tan distintos, teñen unha sorprendente e importante similitude, pois os 5 apuntan a un inimigo común: o soberanismo. Precisamente son as opcións de esquerdas patrióticas, BNG, ehbildu, ERC, Més; as que sofren a megacampaña DIFERENCIAL de invisibilización e estigmatización permanente. Pois son precisamente estas as opcións que poñen contra as cordas a un réxime que se desmorona pola súa propia podremia. A campaña é abafante e por incríbel que pareza baseada en 4 conceptos básicos, pero iso si repetidos ata a saciedade: Venezuela, Batasunos, secesionistas, enemigos de la (a súa) democracia.

Citando a Eneko Compains no seu artigo “Gaztetxes y lucha obrera. Sobre el naciente izquierdismo en la Euskal Herria de hoy”. As esquerdas patrióticas son ás que están martillando o eslabón máis frouxo da cadea de opresión do réxime español: a cuestión nacional. A dominación colonial e secular do Réxime do 78 esta entrando en crise aceleradamente, sendo a revolta popular e democrática do Procés o exemplo mais claro e contundente. Cada vez son mais as persoas e colectivos cansas de aturar unha discriminación inxustificábel e humillante ao pobo galego, a pesar de que esta realidade sexa ocultada e atenuada no debate público dun xeito masivo, a través da “ditamedia”.

O certo é que o conxunto de organizacións sociais, culturais, sindicais e políticas nacionais galegas, son ás que representan nitidamente un contrapoder fronte ao dominación do reino sátrapa da vergoña. Mirase ben claro que colectivos son os que organizan pobo, e cales outros foron creado e están mantidos a base de sobres e campañas virtuais, promocionados dende, por e para reproducir o Réxime nalgún dos seus sabores dispoñíbeis.

Como se organiza pobo mirámolo por exemplo na memoria aínda quente do Nunca Mais, a rebelión social e política mais potente que houbo no país en tempos recentes, fenómeno pioneiro e previo ao tamén celebre movemento 15M que se daría despois no conxunto do estado. Mirámolo cada 24 e 25 de xullo na capital do noso país cos milleiros de galegos e galegas celebrando e reclamando que a nación segue viva, tras ter resistido xa séculos de sometemento.

Mirámolo nun feminismo exemplar con milleiros de galegas convocadas pola CIG e pola plataforma Galegas 8M en manifas, concentracións e unha folga 24 horas xa histórica. Aquí na Galiza organizamos algúns dos movementos sociais mais potentes en defensa dos dereitos laborais, da sanidade e do ensino públicos de todo o conxunto do estado, incluso a pesar de estar invisibilizados pola “ditamedia”.

Os mariñeiros, os comuneiros, os gandeiros entre outros dignos colectivos galegos, enchendo a Quintana ano tras ano fronte a un goberno do PP que actúa como depredador do país, sempre ás ordes dun réxime español parasito e da U.E dos mercaderes.

Mirámolo tamén nos milleiros de persoas que espontaneamente se tiran ao monte a apagar lumes con caldeiros, a frear mega-minerías de multinacionais co berro do seu peito, a arrincar chapapote coas súas mans ou a eliminar especies invasoras cos seus propios medios. Non, non van vir a darnos leccións dende a súa métropole, nin uns nin outros. Nin fachas nin progres, nin cortesanos nin recadeiros, de como se defenden os nosos dereitos nin de como se xestiona e se pon en valor a nosa terra.

É si, é certo, existe outra Galiza. Existe tamén unha Galiza que por desgraza segue presa da submisión, embarrada neste caciquismo moderno e no autoodio do mito aprendido de sermos país pobre, ignorante e subsidiario. Galiza non é un país pobre, é un país empobrecido e colonizado, e así esta escrito na historia para quen queira estudala. E sen dúbida, no presente, o feito mais intelixente e transformador que pode exercer calquera persoa galega neste momentos, tanto para si mesma como para o colectivo, é sacar a relucir a súa autoestima e acreditar nas propias capacidades para rachar definitivamente coas cadeas da dependencia imposta.

Pontevedra ou Allariz son exemplos actuais e claros da materialización en proxecto político da nosa autoestima como pobo. Carballo, Tomiño, Bueu, Ribadeo, Ponteareas ou Moaña son xa referencias das mellores políticas municipais. A organización de defensa obreira mais potente e eficaz no conxunto do estado chámase CIG. Ambas organizacións, BNG e CIG, son exemplo claro de que cando o pobo galego cree en si mesmo é capaz de autoorganizarse como contrapoder, e que cando chega ao poder é capaz de materializar alternativas de futuro, alternativas de sociedade muito mais, xustas, democráticas, tolerantes, diversas e sustentábeis, das que o Réxime español poderá ofrecernos nunca.

Este 28 de abril e este 26 de maio existe un voto dobremente útil. Votar ao BNG significa votar a unha opción que pon as persoas no centro da política, camiño a novos horizontes de democracia participativa, e que frea en seco a nova onda neofascista española. Pero a súa vez é votar por unha organización viva e real mente asentada en todo o país, que ten as ideas claras e non titubea en acreditar e poñer en valor a nosa cultura e lingua propias, e en defender unha banca, tarifa eléctrica, I + D e axenda tributaria galegas. Porque defender o dereito a soberanía do noso pobo tratase dunha cuestión ineludíbel, inherente e equivalente a consecución de mais democracia, igualdade e dereitos sociais para o noso pobo. #AgoraGaliza.

Leave a Reply

Your email address will not be published.