Non mordas a túa lingua. Rebélate!

galegoUn novo 17 de maio sairemos ás rúas da Galiza reivindicar e defender a lingua do noso pobo, o galego! O Partido Popular vén perseguindo sistematicamente os nosos sinais de identidade que nos diferencian como nación. A súa obsesión españolizadora céntrase no ensino para conseguir que as mozas e mozos non sintamos autoestima de sermos galeg@s. En pleno século XXI e vivindo nunha “democracia” (ficticia) continuamos a padecer as medidas anti-galegas do goberno de Feijóo, quen implantou un decreto para excluír po galego das aulas e que mesmo ordenou a destrución de libros de texto polo feito de estaren na nosa lingua.

As políticas lingüicidas da Xunta vense intensificadas desde o Estado coa aprobación da LOMCE, unha lei educativa que dá absoluta prioridade ao español e relega ao galego a unha posición inferior – incluso- que ao inglés! Xa non é só que o galego quede marxinado das aulas senón que con cartos públicos se pagarán prazas en colexios privados para non recibir clases en galego!!

O tempo actual non é propicio para a existencia de Galiza e do seu signo principal, a lingua galega, porque a globalización e o españolismo pretenden arrasar con toda diferenza que ouse desafiar a hexemonía dominante. Non os imos compracer!! Non temos a menor vontade de suicidio nin de resignación!!

“A nosa lingua non é un adorno ou unha peza cultural: é o noso ser e precisa dunha defensa cívica e dun amor colectivo e dunha mobilización social tan potente como a que dedicamos a outros asuntos que teñen a ver co diñeiro, co traballo ou con dereitos conquistados”

Desde Galiza Nova defendemos o dereito a vivirmos en galego e actuamos consecuentemente para conquistar todos os espazos para a nosa lingua e avanzos nos seus usos a nivel social e público. Este 17 de maio temos unha nova oportunidade para amosar o rexeitamento da mocidade galega aos ataques á nosa lingua!!

Mobilízate e participa das mobilizacións para que o galego teña futuro. Aprendermos e vivirmos en galego é un dereito- É o noso dereito. Deféndeo!

Queremos Galego multiplícase por oito!!!!!!!!!!!!!!

Aquí tes as horas e lugares das manifestación:

A Coruña: A carón do Teatro Rosalia de Castro (confluencia das rúas Real e Rego de Auga)
Ferrol: Praza de Armas
Foz: Praza do Conde de Fontao
Lugo: Xardíns de San Roque (diante da estatua de Xoán Montes)
Ourense: Alameda – Xardíns Bispo Cesáreo (diante da estatua de Eduardo Blanco Amor)
Pontevedra: Praza da Peregrina
Santiago: Porta Faxeira
Vigo: Manifestación con saída de Vía Norte