Non queremos emigrar #ConcellosparaTraballar

VENCE RIBERIA ACTO CONTRA EMIGRACIÓN XUVENILGaliza Nova denunciou esta mañá desde Ribeira o éxodo da mocidade galega, o drama da emigración que afecta a máis de 100 000 moz@s desde que Feijóo chegou á Xunta. No acto, no que interviu o nº 2 da candidatura do BNG Asembleas Abertas en Ribeira, Luis Pérez, falouse de emprego, de alternativas e da necesidade de loitar para conquistar a Galiza libre e do traballo. O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, convidou a seguir o consello de Mariano Rajoy onte en Pontevedra. “Por unha vez estamos de acordo con señor Rajoy cando convida a non votar proxectos de partidos fracasados, porque en Galiza iso é o que representa o PP, un proxecto político fracasado que esnaquiza os nosos sectores produtivos, que provoca emigración xuvenil a base de recortes, recortes, recortes”. A alternativa a ese “fracaso” é BNG-Asembleas Abertas, con políticas desde os concellos nos que goberna de apoio ao tecido empresarial e a comercio local que se traduce en oportunidades de emprego para a xente moza.

As políticas devastadoras do Partido Popular aplicadas desde os concellos, a Xunta e Madrid, en converxencia coa Troika, supoñen a ruína da nosa capacidade como país (agro, pesca, naval, enerxía, investigación…), destrúen postos de traballo empurrándonos á explotación laboral, empregos precarios e a emigración. Máis do 50% da mocidade galega está desempregada, e máis de 100.000 moz@s emigraron nos últimos 5 anos en busca de posibilidades de vida que se lles nega no país.

Para o BNG e Galiza Nova, é unha prioridade absoluta a implantación de políticas que posibiliten o regreso da mocidade que se viu obrigada a deixar o país nos últimos anos e impidan que máis xente nova se vexa obrigada a coller as maletas. Entre as medidas urxentes sinalamos as seguintes:
– Elaborar un plan de emprego xuvenil adaptado á realidade de cada concello, ao tempo que se guía o traballo cara a sectores estratéxicos do concello/comarca.
– Impulsar a creación dunha rede municipal e/ou comarcal de empregabilidade para xente moza. Coordinación co Servizo Público de Emprego na xestión das ofertas de traballo, evitando que sexan as ETT’s as que xestionen a oferta laboral a modo de mercaderes de escravas.
– Potenciar a creación de bolsas destinadas a titulad@s superiores, para executar proxectos de especialización, exportación e innovación da economía local.
– Apoiar proxectos emprendedores de xente moza a través do acompañamento do desenvolvemento desde o inicio, creando espazos gratuítos de coworking para a mocidade, onde convivan diversas culturas profesionais coas que obter sinerxias.
– Crear un servizo de seguimento da mocidade desempregada, coa finalidade de garantir e procurar a súa introdución no emprego.
– Actuación dos concellos na liña de dar saídas laborais acaidas á realidade socioeconómica, garantindo o mantemento da poboación en espazos rurais.
– Axudar ao desenvolvemento de proxectos e iniciativas de mocidade para a creación e/ou mantemento de explotacións agro-gandeiras e de agricultura ecolóxica, e favorecer aqueles proxectos libres de transxénicos.