non virá de fóra maior salvador que nós mesm@s. Loita e máis loita polo noso

anxoAnxo Santomé Fentanes é o candidato do BNG-Asembleas Abertas ao Concello de cotobade, onde naceu en 1985. En Cotobade ten desenvolvido un longo percorrido como activista político e social a través do movemento asociativo e veciñal, festexos, folclórico, cultural e xuvenil. Moi implicado dende mozo na defensa da cultura, da lingua e tradicións galegas dende a Asociación Cultural Os Trazantes de Tenorio. É Técnico Superior en Información e Comercialización Turística. Traballa coma freelance turístico para axencias de viaxes maioristas e minoristas.

-Cal é a principal problemática da mocidade en Cotobade?

-Moitos son os problemas da mocidade no meu concello. A falta de transporte interurbano, a falta de opcións educativas técnicas no IES de Cotobade, os escasos e malos equipamentos deportivos…Os xóvenes que pretenden integrarse á vida laboral non teñen ningunha opción de facelo no meu concello ante a inexistencia de superficie empresarial. Polo tanto, o resultado é desolador, pois sen alternativas, a propia administración local expulsa aos mozos e mozas á procura dunha vida fóra do seu lugar, fóra da súa familia, fóra de Cotobade. Sen servizos públicos non teñen futuro na terra do Canón de Pau. Só lles queda a emigración.

-Fronte a esa realidade, cales son as alternativas que vén defendendo e levando á práctica o BNG-Asembleas Abertas para a mocidade?

-Sobre todo facémoslle ver que somos a alternativa que aposta polo país, dicímoslles ás e aos máis novos que valorar o noso significa riqueza, por exemplo: se se traballa pola defensa dos nosos sectores produtivos, haberá emprego. Queremos que se fagan partícipes da sociedade na que viven, que non se deixen enganar, que sexan elas e eles mesmos quen decidan o seu rumbo e que sexan conscientes do seu importante papel no conxunto da sociedade. Que non virá de fóra maior salvador que nós mesm@s. Loita e máis loita polo noso.

-É preciso que a mocidade se implique na política municipal para mudar a situación de Cotobade? Como poden facelo?

-É preciso e case é urxente, pois entre que cada vez hai menos poboación nova (o 12% do total da poboación municipal) e coa complexa situación laboral e social que estamos a sufrir, só se pode optar por involucrarse nas armas democráticas da sociedade para lograr cambios e mudar o presente para termos un futuro máis prometedor. Hai diferentes medios e ámbitos nos que traballar. Na loita pola defensa do ensino, no eido do sindicalismo para a defensa dos dereitos laborais, no ámbito da defensa da sanidade pública …Calquera organización de carácter socio-cultural e mesmo para os máis inquedos nas formacións xuvenís coma Galiza Nova e por suposto dende a nosa casa común, dende o Bng.

-Como valoras o proceso das asembleas abertas impulsadas polo BNG e Galiza Nova? Como decidides formar parte da candidatura?

-Creo firmemente na capacidade de integración dos colectivos e pola contra non creo nada nos personalismos. O proceso aberto representa unha canle pola que moitas persoas puideron entrar á nosa casa común e puideron participar, formando parte do conxunto e integrando entre todos propostas e obxectivos. Esa é a política na que creo. Así funcionamos en Cotobade. Somos un grupo de diferentes idades, de diversas profesións, de distintas parroquias, gustos e intereses variados..Máis todos compartimos o sentimento de quererlle ao noso concello, de querer loitar por el. Con un grupo así é sinxelo decidir querer formar parte da candidatura das Asembleas Abertas de Cotobade.

-Como entendes a política municipal?

-Para min é o mellor instrumento que temos como sociedade para lograr da política o crecemento e a estabilidade que todos e todas queremos nas nosas vidas. Ademais, trátase do tipo de política que máis rápido se aprecia, da política na que máis trato directo existe e da política de proximidade. Ao mesmo tempo implica que dende a política local dense as bases para calibrar ao conxunto da sociedade e transmitirlle ás demais institucións o tipo de interese social que espera o pobo da política. Así o entendo aínda que a realidade é outra. É unha complexa situación a mudar. Por iso, levo dende os 16 anos implicado no eido asociativo e dende os 19 formando parte activa no BNG local, a única organización que entende como somos, o que precisamos e como debemos xestionar noso.