Nós, coma en Cataluña, querémolo todo.

Alberte Fernández, Secretario Xeral de Galiza Nova.

No día de hoxe foron anunciadas polo goberno catalán a data e a pregunta do referendo de autodeterminación de Cataluña. A data escollida é o 1 de outubro e a pregunta “Queres que Cataluña sexa un estado independente en forma de república?”. O día de hoxe supón un fito histórico, a convocatoria dun referendo para constituír un estado catalán independente fóra do estado español, que parte dun longo proceso pola liberación nacional catalá que se intensificou nos últimos anos mais que ten unha fonda tradición nacionalista, así como da necesidade de rachar coa podremia do estado español e do seu sistema totalmente corrupto, de crear un país novo onde se poida mudalo todo.
Existe en Cataluña unha forte conciencia nacional asentada ao longo do tempo, tradicionalmente no autonomismo acomodado co sistema estabelecido. Porén, nos últimos anos o agravio continuado ao pobo catalán dende os poderes españois, así coma a podremia do estado español desencadearon un proceso de autodeterminación que camiña inexorablemente cara a soberanía nacional en Cataluña, e do cal este referendo só é un paso máis.
Desde a Galiza saudamos e aledámonos pola convocatoria deste referendo, e traballamos e traballaremos arreo por facer medrar a conciencia nacional e máis cedo que tarde poder declarar a nosa independencia e a constitución dunha República Galega que de verdade atenda as necesidades do noso pobo, que con capacidade de decisión poida solucionar as problemáticas da mocidade galega.
É moi importante que os pobos oprimidos polo estado español se ergan e loiten contra a inxustiza, por iso ollamos con esperanza o proceso en Cataluña. Sabemos que a maquinaria do imperio é forte, que tratará de impedir este referendo por todas as vías que teña, mais se impiden votar á xente, o descontento e a loita pola liberdade do pobo catalán non farán máis que aumentar.
Nós tamén queremos rachar con este estado que nos obriga a emigrar e emprega o noso país coma unha colonia, na que o gran capital español se aproveita dos nosos recursos naturais (eucaliptización do monte, encoros, pesca e agro con condicións miserentas…) mentres que o noso pobo vive na máis absoluta precariedade.
Queremos, e precisamos, polo tanto, construír unha República Galega con capacidade e vontade de xerar traballo e condicións de vida digna na terra, que atenda a realidade e que non viva permanentemente mirando á metrópole. Unha república que se preocupe dos problemas do noso pobo, e non estea ao servizo, que polo tanto rache con este sistema capitalista cruel e inxusto.

Nós, coma en Cataluña, querémolo todo.