O dereito a un ensino público galego

Educar a mente sen educar o corazón non é educación en absoluto.

Aristóteles.

O filósofo, politólogo e lingüista norteamericano Noam Chomsky afirmaba que os sistemas educativos modernos estaban concibidos como ferramentas de educación en masa, mecanismos que servían aos poderes estabelecidos para transformar ao labrego independente nunha dócil e pasiva ferramenta de traballo apto para a fábrica. O pedagogo Michael Apple apunta que a educación non é só unha cuestión de empregos, senón que debe profundar no máis propio do ser humano, atendendo ao ser de cada un e cada unha para acadar cadansúa plenitude e realización na vida.

Neste sentido, os debates conceptuais entre cales deben ser as finalidades e funcións do sistema (escolar) educativo responden, como non podía ser doutro xeito, ao conxunto de valores, crenzas e posicionamentos dos individuos semellantes para co resto de servizos do Estado de dereito e benestar. Un deles, quizais o máis popular (que non relevante), é a histórica diferenciación entre entendelo como un servizo, unha estratexia para acadarmos unha sociedade fundamentada na equidade, no racionalismo, na solidariedade e na xustiza social; e a outra en entendelo como un negocio, un privilexio que permite ás clases sociais dominantes formar elites e aumentar a segregación social existente nun territorio.

Na Galiza desde o ano 2011 pecháronse máis de 100 centros de ensino, fomentando a masificación de aulas, ao tempo que a taxa de reposición do profesorado (número de prazas de persoas que se xubilan que anualmente se ofertan a concurso-oposición para novas e novos docentes) se viu drasticamente reducida. Resultado? Máis horas de traballo para o profesorado, aulas con máis alumnado e, por conseguinte, menos tempo que cada docente lle pode dedicar a cada alumna e alumno. Cun símil sanitario, imaxinemos por un segundo a calidade dos servizos médicos se duplicásemos o número de pacientes ao día que atende unha persoa médica (tal e como empezou a suceder no mundo desde a chegada da pandemia).

O goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza condenou ao ensino público galego (porque si, tamén aumentaron o número de concertos económicos asignados a centros de ensino privados) a vivires unha pandemia constante desde os últimos 10 anos. A linguaxe neoliberal impregna a súa realidade, e rematan falando do “gasto en educación” cando esta, a través dunha praxe emancipatoria, superadora de desigualdades, e que fomente o pensamento crítico, é a mellor estratexia da que se poden dotar as sociedades para avanzar cara maiores taxas de igualdade, equidade, democracia e xustiza social.

A recente crise da COVID-19 destapou absolutamente todas as eivas que ten o sistema educativo galego e, por se non abondara co feito na última década, acrecentouse a fenda económica, social e dixital entre as familias a través de iniciativas que pouco ou nada teñen que ver cunha idea de educación como servizo. Basta unha ollada a iniciativas como a Universidade Privada de Abanca para acreditar na súa idea de que hai galegas de primeira e de segunda. As de primeira serían aquelas que viven en núcleos urbanos e que posúen un capital económico suficiente para que as súas crianzas asistan a un centro concertado ou privado, e que xa non terán que desprazarse a outras comunidades para cursar estudos universitarios privados con claras relacións co lobby empresarial que goberna actualmente no Estado español. As de segunda seriamos o resto, familias que acreditamos no ensino público con vocación de servizo, favorecedoras da promoción social e da democratización do coñecemento.

Asistimos máis unha vez ao escurantismo polo que se caracterizan grande parte das políticas en materia de ensino do Partido Popular. Desta vez, cunha pandemia que desbaratou absolutamente todo no mes de marzo do 2020, e sabendo que en setembro empezaría un novo curso académico (porque a educación tamén é valorada polos seus valores complementarios como a conciliación e a socialización entre iguais), optaron por agardar ata dous días despois da cita electoral para que a  Consellaría de Educación fixera público un primeiro borrador do protocolo para unha docencia segura, sen consulta nin negociación previa con ningún colectivo. Isto ocasionou unha enorme resposta social nas rúas ao quedar claro que a propia Consellaría se estaba a lavar as mans nun asunto que afectaba de cheo tanto á calidade de vida de milleiros de familias, como, valga a redundancia, á vida per se de outras tantas.

O sistema educativo ten por diante moitos retos e dificultades que afrontar no seu conxunto, tanto derivadas da crise da Covid como arrastradas desde a última década. Estamos moi lonxe en canto a número de centros por habitantes e de profesionais docentes en relación á media da Unión Europea, e non é por falta de profesionais cualificados, senón que é unha decisión política tomada cos ollos abertos. O propio presidente Núñez Feijoo, carente de calquera tipo de escrúpulo, preguntaba abertamente nunha conferencia entre as Comunidades Autónomas e o goberno central se os cartos do Ministerio destinados á contratación de persoal docente podíaos destinar a outro tipo de medidas que, ao seu parecer, serían moito máis efectivas na loita contra a Covid.

Desde Galiza Nova témolo claro, basta xa de austeridade na educación, basta xa de mentiras e de política pola porta traseira, basta xa de impunidade a un goberno segregacionsita que só cumpre as demandas dos que financian as súas campañas. Queremos un ensino público universal, un ensino que non poña en risco a vida das persoas maiores porque non hai alternativas de conciliación para as familias, un ensino que avogue polo pensamento crítico para formamos unha sociedade mellor para o futuro, un ensino que rache coa hexemonía do capital e que, como din Freire e Giroux, nos liberen das nosas cadeas para entendemos as relacións de poder que fan que se goberne para os poderosos.